A Xunta asegura que medra o interese polo eDNI e lembra que xa se poden facer trámites e pagos coa nova tarxeta

luns, 26 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

O DNI electrónico é hoxe en día unha tarxeta identificativa coma calquera outra para unha boa porta dos cidadáns galegos. Se temos que empregala, moitos de nós farémolo do mesmo xeito có vello DNI. Ou sexa: estamos a falar dunha tarxeta por debaixo das súas posibilidades. A culpa de todo isto é probablemente compartida: un pouco de desidia e falta de interese pola nosa parte e un pouco de falta de información e axilidade por parte das administracións. No vieiro de tentar encher certos ocos de información e tirarlle punta á potencialidade do novo DNI é onde se pode situar o recente comunicado da Consellería de Economía, onde se se sinala que as portas para pagar impostos e facer trámites administrativos pola vía telemática xa están as abertas. O departamento da Xunta, que fai fincapé no feito de ter sido o primeiro dos galegos en incorporar o uso do novo documento, considera que o pago telemático de tributos ou a consulta de pagos ou expedientes a través do DNI dixital constitúe unha canle de acceso de primeira orde á Sociedade da Información, sobre todo polo que ten de factor utilidade para os cidadáns. A aposta da Consellería polo DNI electrónica vai tamén orientada a quitarlle ferro a esta nova ferramenta e reducir na medida do posible a desconfianza que ten xerado entre a poboación. Así, Economía fai fincapé en que facer trámites ou pagos pola Rede con esta identificación dixital é cen por cen seguro e que non existe risco algún de suplantación de personalidade. Ademais, evítalles ós cidadáns ter que facer acto de presenza perante os despachos da administración e achega liberdade de horarios.
Segundo a Consellería, os esforzos á hora de divulgar as vantaxes destas tecnoloxías están a dar os seus froitos, xa que o pasado mes de xaneiro as visitas á páxina web do departamento onde xa se poden efectuar os devanditos trámites en liña chegaron á cifra de 830.000, rexistrándose asemade un incremento do 240% das operacións virtuais dende 2006 até o día de hoxe, cun total de 294.933 transaccións levadas a cabo.
Pulo ó novo documento dende o Goberno central
Sexa preocupación pola falta de interese dunha boa porta da cidadanía ou polas queixas doutra boa porción de españois que si que lle queren tirar partido ó novo documento pero que non poden acceder a el porque non se expide aínda nas oficinas máis próximas, o certo é que o Ministerio de Interior semella que lle está a dar un pulo ó eDNI. Así, vén de sinalar que estará dispoñible e accesible nas oficinas de expedición da totalidade do territorio antes de que remate 2007, e non en 2008, como se dixera nun principio.
Para Joan Mesquida, director xeral da Policía e da Guarda Civil, o novo documento está a poñer a España na vangarda tecnolóxica mundial e o interese da cidadanía en contar con este novo dispositivo é ben alto, de aí que se aceleraran os procesos para achegalo a toda a poboación. Neste intre, o eDNI pódese solicitar nun total de 22 provincias e está xa nas carteiras de 320.000 españois.
Segundo informou Mesquida, a identificación (que leva un microchip cun certificado de autentificación e sinatura e un certificado electrónico da autoridade emisora) permitirá axilizar tódolos procesos administrativos que hoxe en día, co documento vello, requiren da nosa presenza, como (por exemplo) facer a declaración da renda, presentármonos a unha oposición, obter datos catastrais ou mesmo consultar o saldo de puntos do carné de conducir.

PUBLICIDADE