A Xunta axuda a máis de 400 comercios nos seus procesos de transformación tecnolóxica
mércores, 24 de xullo do 2024
A Xunta concede máis de 2 millóns de euros a máis de 400 establecementos para avanzar na transformación e dixital do sector. Así o fixo saber este mércores 24 de xullo o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, no transcurso da súa visita a dous negocios de Santiago e Arzúa beneficiarios da convocatoria 2024 das ditas axudas. Puxo de relevo que máis dun 82% dos beneficiados son comercios e o resto obradoiros artesanais.
O director xeral destacou a importancia de convocatorias coma esta “para consolidar os sectores comercial e artesanal de Galicia, claves para a xeración de riqueza e emprego”.
En concreto, o establecemento ao que acudiu en Santiago tratábase dunha zapatería que recibiu un total de 17.025 euros das liñas de dixitalización e innovación. Mentres, á tenda de moda de Arzúa que visitou Alén concedéronselle 9.205,50 euros desas dúas liñas, e tamén da de modernización.
Alén lembrou esta orde de axudas está dirixida tanto a comercios retallistas como a obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
No marco da liña de dixitalización, incídese na implantación do comercio electrónico, mentres na de innovación búscase avanzar na implementación doutras aplicacións ou sistemas relacionados coas novas tecnoloxías para mellorar o negocio e a experiencia da clientela. Canto á liña de modernización, contempla reformas nos locais, obras para aumentar a eficiencia enerxética ou a adquisición de equipamento.