A Xunta e a UDC impulsarán formación conxunta en tecnoloxías emerxentes

luns, 17 de xaneiro do 2022 S. P.

A UDC e a Xunta formalizaron este luns 17 de xaneiro unha alianza para traballar nas posibilidades laborais que ofrecen as tecnoloxías de emerxentes á nosa xuventude, acurtando as distancias entre aquelas e as novas xeracións. O acordo de colaboración foi asinado pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde. O protocolo permitirá articular convenios de colaboración no eido da formación durante os próximos catro anos. Porase o foco na Intelixencia Artificial, no Big Data ou na Realidade Aumentada, entre outros ámbitos.
A Xunta e a Universidade comprométense, deste modo, a fomentar o intercambio de experiencias e de persoal nos eidos da docencia e a formación, dentro daquelas areas nas cales ambas as dúas teñan interese manifesto.
A alianza, sinalaron, “facilitará o intercambio de profesionais e docentes e promoverá a participación conxunta en proxectos e programas de investigación”. A cooperación materializarase ademais no desenvolvemento de programas de formación de persoal técnico e/ou docente, no asesoramento mutuo entre Xunta e a universidade herculina ou no intercambio de publicacións e materiais de investigación.
Lorenza lembrou que o Goberno galego atópase neste intre na recta final dun estudo específico sobre as necesidades formativas en tecnoloxías emerxentes do mercado galego de traballo. “Trátase de afinar nas necesidades de formación que esixe o contexto actual en materia de novas tecnoloxías en 15 sectores estratéxicos”, dixo, engadindo que con esta iniciativa, “buscamos dar resposta axeitada á transformación de determinados postos de traballo e perfís que se están a requirir”.
Entre as necesidades xa detectadas, dixo, “cumprirá afondar na aprendizaxe constante, na progresiva incorporación de perfís tecnolóxicos e de formación dixital ao mercado, e no recoñecemento de novas competencias como as vencelladas coa análise da información a gran escala (Big Data), a Intelixencia Artificial ou a Realidade Aumentada, entre outras.

PUBLICIDADE