A Xunta e as confederacións empresariais impulsan o emprendemento innovador

xoves, 5 de setembro do 2024 S. P.

A Xunta de Galicia en colaboración coas confederacións empresariais de Ourense, A Coruña, Pontevedra e Lugo, promoverá este mes a celebración de encontros de emprendemento nas catro provincias galegas no marco do programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Os detalles desta iniciativa abordáronse esta semana nun encontro entre o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e os presidentes das confederacións de Ourense, María Sol Novoa; A Coruña, Antonio Fontenla; Pontevedra, Jorge Cebreiros, e Lugo, Jaime Luis López. Na xuntanza tamén estiveron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.
Segundo explicaron, o programa contará coa participación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 startups, 40 empresas tractoras cun impacto no desenvolvemento socioeconómico de Galicia e nela poranse en valor 16 casos de éxito. Deste xeito, sinalaron, búscase “incentivar aos emprendedores e axentes do ecosistema a impulsar a súa actividade creando sinerxías e identificando retos para atopar solucións conxuntas para o territorio galego co apoio da innovación e para contribuír á creación de emprego e a fixar poboación, especialmente no ámbito rural”.
Os eventos
Realizarase un evento por provincia. O primeiro terá lugar o 18 de setembro na de Ourense, o da Coruña celebrarase o 24 de setembro, seguido do de Pontevedra, que será o 25 de setembro, e o de Lugo, programado para o 26 de setembro. Cada un deles desenvolverase en dous bloques.
Un deles é o Campus Startups no que, a través de conferencias, networking, presentacións de casos de éxito, mesas redondas e unha competición de iniciativas emprendedoras se busca identificar e mapear as empresas de recente creación e outras iniciativas emprendedoras innovadoras e dar soporte aos proxectos para a busca de financiamento, entre outros fins.
O segundo bloque é o de retos e solucións para un territorio intelixente e ten como obxectivo “identificar os sectores estratéxicos da provincia e os seus desafíos, así como ás empresas tractoras destes sectores estratéxicos e mapear os axentes do ecosistema da provincia”. Para iso incluirá mesas de traballo nas que se abordarán cuestións de diferentes sectores.
Logo, entre outubro e novembro e co apoio da Confederación de Empresarios de Galicia, celebrarase un encontro a nivel autonómico.
O programa Ultreia Galicia quere contribuír a reforzar a actividade da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e o mapa de emprendemento da Xunta -medidas que levaron a Galicia a obter por parte da Unión Europea o recoñecemento de Rexión Emprenderora Europea- así como a dinamizar as startups galegas. Forma parte da aposta do Goberno galego pola creación de novos negocios e o desenvolvemento de proxectos innovadores que fomenten o emprego de calidade e que favorezan a dinamización e vertebración do territorio.