A Xunta impulsa a transformación do tecido produtivo galego a través do programa Fábrica Intelixente

martes, 19 de febreiro do 2019 Redacción

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu esta mañá unha xornada de presentación da terceira edición da convocatoria do programa de Fábrica Intelixente, que ten aberto o primeiro prazo de solicitude ata o vindeiro 8 de marzo. No taller expúxose a experiencia da empresa Cupa Innovación, beneficiaria desta orde na convocatoria do ano 2018, e presentáronse as principais características da liña de axudas.
No peche, a directora de GAIN, Patricia Argerey, apuntou que Galicia conta con grandes capacidades en sectores tractores da economía como a automoción e o téxtil, e que se están creando novos sectores como o aeroespacial e potenciando sectores altamente tecnolóxicos como a biotecnoloxía. Subliñou tamén que se fai preciso poñer en marcha medidas que fomenten a transformación do tecido produtivo cara modelos de negocio baseados na innovación e na tecnoloxía para ser competitivos nun mercado cada vez máis globalizado. Neste senso, Patricia Argerey subliñou que as tecnoloxías facilitadoras esenciais e a Fábrica do Futuro son clave.
Para apoiar proxectos estratéxicos de I+D+i que permitan avanzar cara un novo modelo industrial de futuro para Galicia lanzouse esta convocatoria que, nesta edición, está dotada con 12,7 millóns de euros e coa que se espera mobilizar preto de 31,3 millóns de euros. As principais novidades de 2019 perseguen fomentar a participación das PEME: redución do orzamento mínimo dos proxectos de 4 a 2 millóns de euros; aumento do prazo de execución dos proxectos de 3 a 4 anualidades; e establecemento de dúas datas de corte ao longo do ano para adaptarse mellor aos tempos das empresas; entre outras.
Mantéñense dúas características fundamentais dos proxectos: que deben ser estratéxicos para Galicia, producindo un efecto tractor nos ámbitos máis destacados da economía galega; e facer un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras para obter procesos e produtos de alto valor engadido.
Argerey destacou que este programa se inscribe na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que ten como un dos retos prioritarios aumentar a intensidade tecnolóxica da industria galega para avanzar cara un novo modelo industrial baseado na innovación e na Axenda Industria 4.0.
Os destinatarios destas axudas son empresas de calquera tamaño capaces de liderar proxectos de I+D+i de carácter estratéxico e organismos de investigación en colaboración con empresas, ambos con centro de traballo permanente en Galicia. O tipo de proxectos financiables son proxectos de I+D individuais ou en colaboración entre varias empresas que pertenzan ao mesmo grupo e organismos de investigación e proxectos de innovación en materia de procesos ou organización, individuais ou en cooperación entre empresas como máximo de dous grupos empresariais sendo unha delas unha PEME. A intensidade das axudas poderá chegar ata o 80%, dependendo do tipo de proxecto e de empresa.
Outros requisitos esixibles para acceder á convocatoria son: ter un orzamento mínimo de 2 e máximo de 10 millóns de euros; unha duración mínima de 3 anualidades e máxima ata o 30 de xuño de 2022; ser estratéxicos e ter un efecto incentivador; e facer un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras esenciais. Establécense dous prazos de presentación de solicitudes: ata o 8 de marzo e ata o 31 de xullo de 2019.

PUBLICIDADE