A Xunta promove a presenza de mulleres nas empresas tecnolóxicas

luns, 12 de xullo do 2021 Pedro Pérez

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e en colaboración cos colexios profesionais, está a intensificar as acción encamiñadas a fomentar as vocacións tecnolóxicas entre as mulleres para acelerar a redución da fenda de xénero.
Así, os programas Mática, Girl SteAm e Faladoiros en Mancomún teñen como obxectivo difundir información entre nenas e mozas e presentar experiencias de éxito de mulleres no sector TIC. Por un lado o campamento tecnolóxico Mática desenvólvese de xeito presencial nos campus universitarios da Coruña e Ourense e no Campus Vida de Santiago de Compostela. Ademais existe a posibilidade de formato online en caso de non poder asistir presencialmente.
Doutra banda, o programa Girl SteAm ten como obxectivo o impulso de actividades de difusión de experiencias dirixidas a nenas para espertar seu interese nos estudos STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas). Girl SteAm desenvólvese a través de obradoiros formativos dirixidos a nenas de entre 8 e 11 anos, e entre 12 e 15 anos.
A Amtega tamén promove os Faladoiros en Mancomún que consisten en conversas en formato vídeo nas que tanto as condutoras como as participantes son mulleres relacionadas co mundo tecnolóxico, e especialmente as que están en contacto co software libre e a cultura libre.
Todas estas acción teñen como obxectivo a eliminación da fenda de xénero que aínda se mantén en profesións relacionadas coas tecnoloxías. Neste sentido, un informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) sinala que soamente o 14,3% das empresas tecnolóxicas contan con mulleres en postos de dirección. Ademais, unas 8.000 mulleres ocuparon postos de traballo en empresas do sector tecnolóxico galego en 2020, o que representa o 32,6%.