A Xunta retoma a figura do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia

luns, 16 de novembro do 2009 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu o pleno do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia

Esta mañá en Compostela tivo lugar o pleno do Concello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, presidido por Alberto Núñez Feijoo, quen asegurou que «debemos pensar nas telecomunicacións como posible catalizador para reconverter o sistema produtivo galego, saír vigorosos da crise e iniciar a segunda modernización de Galicia» e avanzou as reformas normativas que a Xunta porá en marcha para fortalecer o sector das telecomunicacións e do audiovisual en Galicia.
O titular da Xunta remarcou a «urxencia de robustecer as telecomunicacións en Galicia», e salientou que se trata dun instrumento «para acadar novas oportunidades a nivel nacional e internacional», pero tamén para lograr a cohesión interna «imprescindible para construír a Galicia global». Así, Núñez Feijóo destacou o triplo beneficio que ofrece a tecnoloxía: ao consumidor, xa que fai os servizos máis eficientes; o fomento da solidariedade, ao garantir o acceso universal á información e ao coñecemento; e a mellora da competitividade das empresas.
Feijoo presentou os obxectivos do seu Goberno en materia de radio e televisión e adiantou que Galicia presentará a súa candidatura para ser sede da Axencia Estatal de Radiocomunicación. «Galicia xa é un referente tecnolóxico en España, en Europa e en todo o mundo, a través das empresas fabricantes de equipos de TDT. Pero desde o Goberno galego queremos que Galicia figure no mapamundi das telecomunicacións», comentou o presidente da Xunta, ao que engadiu que estamos ante un «reto único na historia», a renovación desta tecnoloxía que suporá o apagamento analóxico do vindeiro 3 de abril. Adiantou que, no caso da Televisión de Galicia, o Goberno estuda «solucións para que se poida estender este servizo ás rexións fronteirizas galego falantes en Asturias, na comarca do Bierzo e tamén na Alta Sanabria».
En canto ás reformas normativas previstas, a posta en marcha dunha Lei de publicidade institucional para regular «e facer transparentes» os investimentos publicitarios das administracións públicas; dunha Lei de comunicación audiovisual, incorporando a reforma das competencias autonómicas afectadas pola Directiva europea de servizos audiovisuais e pola futura Lei xeral do audiovisual do Estado; e a reforma da Lei de creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia, «para dar carácter normativo ao protagonismo do Parlamento de Galicia no nomeamento no director xeral».

PUBLICIDADE