A aplicación Ferrol da Ilustración permítenos viaxar á Galicia do século XVIII

xoves, 21 de maio do 2020 S. P.

As novas tecnoloxías que nos permiten coñecer mellor a realidade avanzan sen pausa na nosa terra, en parte pola tendencia natural do turismo e a cultura a dixitalizarse e experimentar, en parte porque as circunstancias actuais (a crise sanitaria) non fan máis que confirmar o empuxe das ferramentas novas e as súas vantaxes. Estes ingredientes (experimentación, dixitalización, lecer) están na base da aplicación móbil Ferrol da Ilustración, que nos permite viaxar ao esplendor da cidade galega no século XVIII, cando se converteu en referente humanístico, artístico e urbanístico.
A app, ideal para ser xogada en familia, percorre os monumentos principais da histórica cidade “dunha forma diferente e divertida”, informan os seus desenvolvedores, engadindo que estará dispoñíbel de balde para Android, no Google Play, e para iOS, na Apple Store. “Grazas a este xogo, que contén personaxes e datos reais, o usuario poderá descubrir a historia de Ferrol, ligada ao mar, á construción naval e á Coroa de España, durante os seus paseos en espazos abertos”, engaden os autores do xogo, que poñen o foco no potencial da ferramenta para emprazar a cidade galega na vangarda tecnolóxica.
A aplicación vén da man da Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol e ten un importante interese, tanto para residentes como para visitantes, neste días de confinamento, nos que se presenta como “unha ferramenta perfecta para coñecer dunha maneira distinta toda a historia, personaxes e curiosidades da cidade”.
Ferrol da Ilustración
A ferramenta, que nos permite viaxar ao século XVIII, inclúe un mapa en 3D que é o escenario de partida para percorrer, da man do Marqués da Ensenada ou María de Castro, a Ruta da Ilustración. Amais, levaranos da man polo Barrio da Magdalena, declarado conxunto Histórico-Artístico, de paseo polo estaleiro de Navantia ou o Arsenal militar, Ben de Interese Cultural e aproximaranos á praza de Amboage, un dos grandes centros neurálxicos da cidade. “Cun só toque na pantalla do móbil poderemos comparar o Ferrol de hoxe en día co que coñeceron aqueles valentes mariñeiros que conquistaron outras augas”, explican os responsábeis da ferramenta, poñendo o foco nos retos que a aplicación pon ao alcance da nosa man, cos que poderemos obter puntos e recadar datos dos sitios que visitamos, fotografías ou puntos patrocinados.

Vídeo promocional da aplicación

PUBLICIDADE