A aplicación Ximnasio dos verbos axúdanos a optimizar o noso nivel de galego

venres, 12 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Estes días soubemos dunha aplicación que vén moi a conto estes días por moitos motivos, a aplicación Ximnasio dos verbos. Primeiro, por ser unha ferramenta móbil que facilita a aclara o camiño cara a aprendizaxe da nosa lingua. Segundo, porque estamos a piques de entrar na semana por excelencia de celebración do noso (o antes, o durante e despois do 17 de maio, Día das Letras Galegas, tamén Día Internacional da Internet). Terceiro, porque é un recurso que normaliza o galego alí onde é máis preciso: nas redes, lugar de encontro por excelencia da mocidade. Ximnasio dos verbos vén da man do lectorado de galego da Universidade de Heidelberg,o que aínda lle achega á app un cuarto extra de significado. O cometido da ferramenta é introducir aos usuarios nos verbos irregulares do galego. Segundo nos contan os autores, trátase dun proxecto docente para axudar á alumando galego e estranxeiro a “perderlle o medo aos novos verbos”.
A ferramenta vén artellada en catro fases (procurar, trucos, adestramento e xogos), cada unha delas cun cometido clarificado de seu, a xeito de camiño formativo dende a teoría até a práctica, dende a base até o cumio (o exame final co que poderemos comprobar até que punto estamos “en forma” en materia de coñecemento verbos galegos e dominio da eficacia vocálica). Respecto deste último, a app mesmo nos permite escoitar como soan as palabras de meirande complexidade.
Por certo que un dos puntos máis salientábeis da ferramenta móbil é que complementa a andaina formativa cun toque retranqueiro que é moi de agradecer e que, a pouco que nos fixemos, veremos que comeza co título mesmo (ese ximnasio lingüístico onde adestrar algo máis que músculos: o noso nivel de galego).
Ximnasio de verbos é unha aplicación de desenvolvemento galego froito do traballo docente de Gabriel Pérez Durán e Óscar Rivas González para o Romanisches Seminar da Universität Heidelberg, en Alemaña.

PUBLICIDADE