A aplicación de cinema Whatscine, Premio Reina Letizia de Tecnoloxías da Accesibilidade
xoves, 19 de novembro do 2015
Whatscine, a
ferramenta da que falamos no verán pasado para dar conta da súa
inclusión no catálogo cinematográfico de Movistar+, vén de
ser obxecto dun importante recoñecemento ao seu labor, centrado
sobre todo en permitir que as persoas con diversidades funcionais
auditivas e visuais poidan ter acceso ao cinema a través de recursos
de audiodescrición, lingua de sinais e subtítulos adaptados.
Falamos
do Premio Raíña Letizia de Tecnoloxías de Accesibilidade.
Segundo fixo saber o xurado (formado polo Real Padroado sobre
Discapacidade e a Fundación CENTAC), o proxecto Whatscine
ten entre os seus valores concibir accesibilidade “como un
dereito”, e non como un privilexio.
O premio, dotado de
20.000 euros, está financiado ao 50 por cento polo Real Padroado
sobre Discapacidade e a Fundación CENTAC, convocantes do certame. O
obxectivo do certame é "premiar un proxecto con perspectiva de
continuidade no campo da accesibilidade ás Tecnoloxías da
Información e a Comunicación, as TIC, para as persoas con
discapacidade apoiando a igualdade de oportunidades e a inclusión
tecnolóxica".
Whatscine, como
lembraremos, é un proxecto único dirixido a que as persoas
diversidades funcionais auditivas ou visuais poidan gozar do cinema e
outros medios audiovisuais “sen interferir co resto de
espectadores”. Para iso, incorpora tres sistemas de accesibilidade
como audiodescrición, lingua de signos e subtitulado adaptado nunha
única aplicación dispoñible en dispositivos móbiles ou tabletas.