A aplicación móbil do SERGAS permitirá solicitar a renovación de receitas

martes, 4 de outubro do 2022 Redacción

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou hoxe na súa comparecencia ante o pleno do Parlamento de Galicia varias medidas de impacto para simplificar os trámites entre a cidadanía e o persoal sanitario e alixeirar así a carga burocrática en atención primaria, destacando a intención de que a aplicación SergasMóbil xere alertas para o paciente no momento no que se aproxime a caducidade da súa receita e lle permita solicitar a través da propia aplicación, ou desde a oficina de farmacia, esa renovación. Pola súa banda, o persoal médico e farmacéutico recibirá esa notificación de solicitude no seu sistema de historia clínica electrónica e, no caso de valorar que a renovación procede sen necesidade de revisión física, poderá autorizala de xeito telemático.
Este sistema permitirá aforrar desprazamentos, trámites e complicacións tanto á cidadanía como ao persoal sanitario sen descoidar en ningún momento o coidado da saúde da cidadanía.
En segundo termo, o conselleiro anunciou a constitución inmediata de inmediato un grupo de traballo para deseñar un sistema que automatice a xestión das baixas derivadas dunha atención hospitalaria, co obxectivo de evitar ao paciente e ao persoal de primaria innecesarias citas para tramitar unha baixa que vén xa indicada polo propio persoal hospitalario tras unha intervención ou unha atención urxente.

PUBLICIDADE