A aula CeMIT de Ames enche as vacacións de cursos telemáticos para pequenos e maiores

xoves, 23 de decembro do 2021 S. P.

A aula CeMIT do Concello de Ames presentou a súa axenda formativa para estas vacacións de Nadal e para mes de xaneiro, un programa de divulgación tecnolóxica que inclúe sete cursos telemáticos para a rapazada e para maiores de idade. Desenvolveranse na canle de YouTube do centro. Dende o 24 de decembro ata o 6 de xaneiro a aula ficará pechada de maneira presencial, mantendo a atención telefónica e por correo electrónico de luns a venres, de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00 horas.
A aula CeMIT toca con estes sete cursos unha ampla variedade de temas. As persoas inscritas poderán acceder dende as súas casas a estas actividades, que son abertas e sen límites de aforo, e coa posibilidade de volver velas en canto o desexen (xa que quedarán subidas na canle de YouTube do centro).
Cursos dende a casa para a rapazada nas vacacións de Nadal
Durante a última semana de 2021 e a primeira de 2022, a cativada amesá poderá de gozar de dous cursos informáticos de balde en liña, a través da canle de YouTube da Aula CeMIT de Ames. Ambas propostas terán lugar arredor da interface de aprendizaxe de programación Scratch, de luns a mércores e de 10:30 a 12:00 horas.
O luns 27, martes 28 e o mércores 29 de decembro impartirase Scratch en Nadal: introdución, un curso introdutorio á programación pensado para nenas e nenos dos 7 anos en diante, no que farán un proxecto sinxelo con temática relacionada con estas datas sinaladas. O persoal docente recomenda que no caso da cativada máis pequena a acompañe un familiar, co fin de que os axude a desenvolver as tarefas.
Xa nas primeiras xornadas de 2022, o luns 3, martes 4 e mércores 5 de xaneiro desenvolverase Scratch en Nadal: nivel medio. Nestes tres días, o alumnado realizará prácticas coa dita ferramenta de programación con proxectos algo máis avanzados, xa que este curso está “pensado para ser realizado por rapaces e rapazas familiarizados coa interface de programación”, sinalan dende a aula CeMIT.
Durante o período de Nadal e xaneiro o persoal docente pon á disposición das persoas adultas adultas cinco cursos a distancia máis, co fin de que obteñan competencias no uso da Rede e dos seus terminais. Todas estas propostas poderán seguirse a través da canle de YouTube da Aula CeMIT, con xornadas de formación dende o luns 10 de xaneiro ata o xoves 3 de febreiro.
A formación telemática deste período arrancará con Mecanografía para adultos, un curso dun día para ensinar as bases da mecanografía e o funcionamento da plataforma Typing, que a partir dese momento cada persoa usuaria poderá empregar para mellorar as súas habilidades de escritura. Será o luns 10 de xaneiro, de 17:00 ás 19:00 horas.
Nesa mesma semana, impartiranse tres horas de formación en Introdución á Administración electrónica, que explicará como empregar sistemas de identificación como o DNI electrónico, certificados dixitais ou chave365, entre outros. A proposta terá lugar o martes 11, mércores 12 e xoves 13 de xaneiro, de 17:30 a 18:30 horas.
A continuación, haberá tres cursos dirixidos a aquelas persoas que busquen crear contidos e compartilos pola rede, con itinerarios introdutivos aos blogs, ás webs ou mesmo a plataformas de streaming, como YouTube e Twitch. Crea o teu blog persoal! e Crea a túa web persoal! serán dous cursos similares, dirixidos á aprendizaxe de uso e xestión das plataformas Blogger e Google Sites. Desenvolveranse do 17 ao 20 de xaneiro e do 24 ao 27 de xaneiro, respectivamente, ambos de 17:30 ás 18:30 horas.
A última proposta formativa será Retransmisións en directo con OBS: YouTube e Twitch, que ofrece unha introdución ao programa de código libre OBS, útil para facer retransmisións en directo mais tamén para vídeo-conferencias máis profesionais. Será do 31 de xaneiro ao 3 de febreiro, de 17:30 a 19:00 horas.

PUBLICIDADE