A aula CeMIT de Ribeira aposta pola teleformación para a cidadanía con tres novos cursos

venres, 3 de abril do 2020 S. P.

O Concello de Ribeira vai apostar de cheo por dar continuidade ao importante labor formativo (formación tecnolóxico-dixital) da súa aula CeMIT, a día de hoxe, por mor do COVID-19, imposibilitada para seguir dando servizo presencial. Porén, tendo en conta as amplas posibilidades que ofrecen os actuais recursos informáticos e de telecomunicación, a aula ofrecerá á veciñanza coñecementos tecnolóxicos a distancia mentres “persista a situación”. Os contidos trasladaranse aos usuarios a través da plataforma EMA. Foi unha das medidas tratadas hoxe na Comisión Municipal de Seguimento do COVID-19 do Concello de Ribeira.
Segundo se fixo saber, serán tres os cursos que se van ofrecer á veciñanza: un de alfabetización dixital, outro de capacitación dixital e un terceiro sobre innovación social. Para poder acceder a eles abonda con estarmos dados de alta como usuarios na aula CeMIT (no caso de non estalo pódese facer cubrindo un formulario online na web do espazo de formación) e escoller o curso desexado. Calquera dúbida pódese enviar por correo electrónico.

PUBLICIDADE