A automatización robótica facilitará o traballo dos forenses do IMELGA

venres, 2 de agosto do 2024 S. P.

A Xunta está a pilotar a aplicación de tecnoloxías de automatización robótica de procesos (RPA) ao rexistro das autopsias no INE, un trámite que realizan cada mes os forenses do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia). A automatización evitará aos forenses mecanizar manualmente os datos de 2.100 persoas cada ano, sinalou a Xunta, engadindo que se está a probar unha solución que “permite incorporar os datos que os forenses rexistran no sistema SIMELGA e envorcalos nos apartados correspondentes do INE”. Así, reducirase o tempo no rexistro de defuncións, evitaranse posíbeis erros e contribuirase a unha maior fiabilidade das estatísticas do INE.
O Goberno galego explica que o devandito é un dos preto de 20 procedementos nos que se está a pilotar a aplicación da automatización, tanto na Administración autonómica coma no eido xudicial. Son, na maioría dos casos, procesos internos da Administración nos que a automatización permite axilizar os procedementos e mellorar tanto os tempos como a calidade do servizo á cidadanía e o desempeño dos empregados públicos.
A Xunta de Galicia busca estender o uso das tecnoloxías de Intelixencia Artificial e robótica aos procedementos administrativos de xeito progresivo grazas á plataforma de automatización intelixente que comezou a desenvolver en 2022. Esta plataforma permite dar resposta áxil ás necesidades de tramitación de grandes volumes de expedientes, evitando que as persoas realicen tarefas que poden ser automatizadas e dar un mellor servizo á cidadanía.