A cámara Ricoh R busca popularizar o vídeo en directo en 360 graos

mércores, 4 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Ricoh leva un tempo consolidando a súa posición como fabricante de cámaras de 360 graos sinxelas, que facilitan a creación de vídeo envolvente sen grandes complicacións técnicas, e que no caso da Ricoh Theta S incluso permitía que, conectando a cámara a un ordenador e empregando un software específico fose posible transmitir vídeo en directo en 360 graos, o que agora busca simplificar a nova Ricoh R, cámara que está a presentarse no CES de Las Vegas e que sairá á venda no segundo trimestre do ano.
A Ricoh R non é un produto tecnicamente notable, pois limítase a ofrecer un par de cámaras de ollo de pez opostas para xerar imaxes en 360 graos, que no caso do vídeo terían unha resolución de 1.920 x 960 píxeles a 30 cadros por segundo que pode almacenar os contidos capturados nunha tarxetas microSD externa, pero que tamén pode conectarse a un equipo informático mediante USB para así poder emitir directamente os contidos envolventes a través de servizos en liña compatibles, o que incluso facilitarían a visualización dos vídeos en vivo mediante cascos de realidade virtual. Amais tamén conta cunha saída HDMI que presenta o vídeo ao dobre de cadros por segundo.
Dende Ricoh cren que a emisión de vídeo en directo en 360 graos abre un nicho de negocio que aínda está emerxendo, de aí que se introduzan no mesmo mediante solucións sinxelas que faciliten a entrada, para que os usuarios se animen a dar ao salto ás novas posibilidades que os 360 graos engaden ás retransmisións en vivo.

PUBLICIDADE