A catástrofe no Xapón ten repercusións no sector dos videoxogos

martes, 15 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Os vehículos compartirán o protagonismo do xogo coa destrución do contorno en <em>MotorStorm Apocalypse</em>Tras a estrea da súa demo, esta semana debería chegar ás tendas o xogo MotorStorm: Apocalypse, exclusivo para PlayStation 3 e consistente en carreiras motorizadas fóra de pista que nesta entrega destaca pola destrución do contorno por mor de desastres naturais, o que parece un tema tabú nestes días nos que Xapón vive unha catástrofe provocada por un terremoto, de aí que o lanzamento nipón do xogo estea xa demorado, mentres que o lanzamento no resto do mundo aínda está en discusión, parecendo bastante probable que adíen este título varias semanas para evitar ferir a sensibilidade do público.

Disaster Report 4 cancélase

Pero a catástrofe humanitaria tamén está a afectar ao sector dos videoxogos dende distintos ángulos, de xeito que as presentacións de xogos que ían ter lugar no Xapón canceláronse, moitos dos lanzamentos da semana seguen a mesma sorte, Square-Enix e Konami pecharon temporalmente os servidores que permiten xogar en liña a Final Fantasy XI, Final Fantasy XIV e Metal Gear Online como medida de aforro enerxético e incluso aseguran que o xogo Disaster Report 4 para PlayStation 3 queda directamente cancelado (xa que a súa historia consistía en fuxir dun terremoto en Tokyo).
Pero non todo son malas novas dende o sector do lecer electrónico, senón que a solidariedade tamén moveu a Nintendo, Sony e outras compañías están a realizar doazóns para atender ás vítimas do desastre nipón, e incluso Zynga chegou a un acordo con Save the Children para doar as microtransaccións realizadas en xogos como CityVille e FarmVille. Sports Interactive tamén doará os beneficios do Football Manager Handheld 2011 para iOS durante os vindeiros días.

PUBLICIDADE