A cea co presidente da Xunta posta en eBay acadou os 1.300 euros

martes, 5 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

A cea benéfica co presidente da Xunta de Galicia que se dispuxo en poxa virtual no servizo eBay adxudicouse por 1.300 euros. Aconteceu esta pasada madrugada na dita web de ventas e compras públicas, con vistas a destinar os cartos recadados para mercar xoguetes entre as familias máis desfavorecidas. Sinalar que a poxa, promovida por Novas Xeracións do Partido Popular en Galicia, complementouse con outros obxectos postos en venda entre a comunidade internauta e cedidos por varios representantes do PP, entre os que se contou Mariano Rajoy (quen cedeu unha gravata e un porta puros).
Sexa como sexa, estes artigos non espertaron entre os usuarios de eBay o interese agardado. De feito, andaron a rentes dos 1.700 euros, co que finalmente non se chegou, aínda que por pouco, aos 3.000 euros totais que barallaban os organizadores da poxa. Volvendo ao produto estrela, a cea con Alberto Núñez Feijoo, dicir que consistirá precisamente niso: un encontro gastronómico co presidente na residencia de Monte Pío e co obxectivo de destinar os cartos pagados a iniciativas benéficas.

PUBLICIDADE