A colaboración entre Spielberg e EA dá o seu froito: Boom Blox

xoves, 8 de maio do 2008 Marcus Fernández

Steven Spielberg está a colaborar con Electronic Arts na creación de videoxogos, e o seu primeiro produto é Boom Blox, que está moi afastado do que nos ten afeitos o cineasta, pois se trata dun orixinal xogo para Nintendo Wii inspirado en jenga (xogo consistente na retirada de pezas dunha torre sen que caia) que destaca polos seus gráficos simpáticos e se agarda que se poña á venda en breve en Europa (vén de saír nos EE.UU.).
Boom Blox ten preto de 400 puzzles que resolver; a súa aparencia infantil non reduce o seu coidado realismo no tocante ás leis da física; e o seu uso mediante o mando da Wii resulta moi cómodo e intuitivo. Para mellorar a experiencia poden participar ata 4 xogadores simultáneos en varios modos (incluíndo algúns nos que só se precisa dun mando utilizado por quendas) e o contorno do xogo pode personalizarse para compartilo cos amigos a través da Rede.
Hai que destacar que aínda que pareza un título para cativos, se trata dun xogo para toda a familia, especialmente orientado para xogadores casuais.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE