A consola libre Pandora xa é unha realidade

venres, 12 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Hai un par de anos comentamos que un grupo de desenvolvedores estaba a traballar na creación dunha consola de videoxogos portátil pensada para o uso de aplicacións caseiras (principalmente emuladores de consolas de xeracións anteriores) e que respondería ao nome de Pandora, e nas últimas horas, con moitos meses de retraso, completouse o seu proceso de fabricación, de xeito que os usuarios que a encargaron comezan a recibir as primeiras unidades deste trebello que funciona cun procesador ARM Cortex A8 a 600 MHz que opera co sistema operativo Linux, conta con hardware compatible con PowerVR SGX OpenGL 2.0 ES, goza dunha pantalla táctil de 4,3 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, Wi-Fi, Bluetooth, USB 2.0, 2 lectores de tarxetas SDHC, saída de televisión, cruceta dixital e dobre control analóxico, teclado QWERTY de 43 botóns e teclado numérico e unha batería cunha autonomía de máis de 10 horas, que pode conseguirse por uns 330 dólares (242 euros).
Quedará agora por ver se este tempo de traballo pagou a pena, e xa comentan que a nova consola portátil será capaz de correr xogos da primeira PlayStation mediante o emulador psx4pandora, como exemplo da potencia que conta o trebello. É de agardar que, aínda que non sume unhas vendas espectaculares, goce dun importante apoio da scene, para xuntar un nutrido grupo de desenvolvedores ao seu redor, que poidan convertela en todo un produto de culto.

PUBLICIDADE