A containerización protagonizará a vindeira edición de Betabeers Galicia

xoves, 18 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro día 25 a sede de WeKCo na Avda. Novo Mesoiro da Coruña repetirá como sede dunha nova edición de Betabeers Galicia, encontro formativo para desenvolvedores web e de aplicacións móbiles, que combina obradoiros con presentacións para completar a xornada cunha sesión de networking nun local próximo (de aí o beers do evento).
A XXI Edición de Betabeers Galicia contará como charla técnica central a que impartirán Francisco Maseda Muíño e Javier Gómez Rodríguez sobre containerización, tecnoloxía que está a revolucionar a construción e o deseño de infraestruturas de sistemas baseándose nun novo tipo de virtualización a nivel de sistema operativo. Este obradoiro introducirá ao básico sobre containers e o seu software máis popular, Docker.
Tras este atractivo relatorio Javier Negreira presentará NosJuntamos, plataforma de compras conxuntas da que dará conta do seu funcionamento e da tecnoloxía que ten detrás; e Alejandro Lamas dará conta de Phottic, unha plataforma web global para ordenar coleccións de fotografías e recuperar historias que a xente sabe sobre elas (proxecto que vén de ser seleccionado para participar en ViaGalicia).

NosJuntamos e Phottic son os dous proxectos que se presentarán nesta edición de Betabeers

PUBLICIDADE