A crise e a corrupción, no punto de mira dunha nova revista dixital galega: Enchufados

xoves, 31 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Tira de Sabela Arias vista na nova páxina

Cando todo vai mal (e sen arela de ser negativistas, semella que todo vai realmente mal), nada mellor que o humor. Iso sabémolo ben aquí, afeitos como estamos a todo tipo de males e a buscar vías de escape na liberación que é rir e facer rir. En base a isto, unha web como Enchufados, posta en marcha este mes de maio e coincidindo coa dupla celebración das nosas Letras e do noso Internet (porque tamén é noso e tamén se celebra o 17 de maio), semella especialmente oportuna. Trátase dunha revista de humor, colectiva, onde se celebra todo o que ten que ver co noso, até algo tan típico (por desgraza) como o enchufismo.
Así nolo contan os responsábeis da nova publicación dixital: “En Galicia temos campo, bosque, monte e carballos, rías, illas, praias, vento e choiva. (...), pero sobre todo temos enchufismo e humor, moito humor”. A web até fai mofa do intre xusto no que se pon en marcha: “Vale que non sexa o mellor intre para comezar, con isto da crise, pero a nós gústanos o humor e rir por enriba das nosas posibilidades”.
O equipo de redacción tamén ten o seu. De feito, está comandado polo mesmísimo presidente da Deputación (Euler) e conta cunha nutrida escolma (non arbitraria) de xente elixida a dedo: Sabela Arias, Boli Bic, Xoán Andrade, Eva Domínguez, Barón Rojo e Pepe Mansilla. A revista en liña tómalle o pulso á actualidade con retranca e cun aquel de canle informativa que confirma que, en ocasións, o punto de vista do humor é máis informativo que o punto de vista obxectivo do xornalismo en sentido estrito. De feito, as tiras cómicas que se achegan estes días dende a web son unha crónica a pé de rúa e de primeira man, das consecuencias que está a ter a crise na nosa terra. Iso si, con humor.

PUBLICIDADE