A crise provoca problemas de distribución no Reino Unido de Mass Effect 3

mércores, 29 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Nas últimas semanas temos comentado as dificultades que está a pasar a cadea de videoxogos GAME no Reino Unido (onde está a empresa matriz) que vese incapaz de aprovisionar xogos para a súa venda por dificultades de liquidez, o que podería facer perigar a súa supervivencia como empresa, o que cada vez resulta máis evidente se temos en conta que esta mesma mañá dende Eurogamer descubriron que no mes de marzo as tendas británicas do grupo GAME non contarán con unidades dos xogos de EA, incluíndo o principal lanzamento do mes, o agardado Mass Effect 3, o que incluso levou á súa editora a publicar unha actualización na que informan de que a edición para coleccionistas do xogo só poderá reservarse a través de 4 tendas en liña (Amazon.co.uk, Play.com, Zavvi.com e ShopTo.net) instando a quen encargase o xogo na súa tenda local a que se puxera en contacto coa mesma para solicitar a devolución da fianza depositada.
Ao parecer, GAME xa está a devolver os cartos a quen reservase algúns dos futuros lanzamentos de EA, sendo o último do que conseguiron unidades o título deportivo SSX; aínda que ausencia de Mass Effect 3 nos alzadeiros das tendas de videoxogos británicas o día do seu lanzamento (o vindeiro 9 de marzo) pode supor unha perda de ingresos económicos para os establecementos comerciais, que verán así agravada a súa feble situación.
ACTUALIZACIÓN: IGN filtra o comunicado de GAME no que informan de que non aprovisionarán as novidades de EA do mes de marzo:

NOVA ACTUALIZACIÓN: Conforme avanza o día as informacións sobre o grupo GAME son aínda máis negativas, e agora mencionan que, aparte dos xogos de EA, as tendas británicas de GAME non están a aprovisionar copias de Mario Party 9, un xogo que debería chegar ás tendas este venres, e que tamén sería un dos grandes lanzamentos para o mes de marzo.
Para botar máis leña ao lume temos que GAME caeu un 15% na súa cotización bolsista ao saberse que non vendería Mass Effect 3 e, ademais, dende a cadea norteamericana GameStop (un dos principais competidores de GAME en moitos países) estaría interesada en adquirir as tendas de GAME en Reino Unido e España, mentres que dende GAME aseguran que a situación actual é temporal, e que só hai un pequeno número de títulos que non poderán vender no mes de marzo.

PUBLICIDADE