A demo de Resident Evil 5 estrearase o 26 de xaneiro en Xbox LIVE

mércores, 14 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A primeiros de decembro saíu no Xapón a versión de proba para Xbox 360 do xogo Resident Evil 5, o que levou a moitos usuarios de todo o mundo a utilizar trucos para poder botar un ollo a este agardadísimo xogo que chegará ás tendas o 13 de marzo, e agora confirman que o vindeiro día 26 a demo estará dispoñible para os usuarios de Xbox 360, mentres que a súa versión para PS3 chegará unha semana máis tarde.
A demo do xogo permitirá completar dúas fases distintas do xogo, que pódense xogar tanto en solitario coma no modo cooperativo (a pantalla partida nun mesmo equipo ou en liña a través de Xbox LIVE).
Esta nova entrega de Resident Evil é especialmente revolucionaria por pasar dunha tradicional ambientación escura a enfrontar infectados a plena luz do día. Os protagonistas serán Chris Redfield e Sheva Alomar, que cooperarán para loitar contra unha ameaza bioterrorista en África, con persoas e animais transformados en criaturas descontroladas con certa semellanza aos zombis.
Cómpre destacar que a demo non é a única iniciativa para promocionar o xogo, senón que tamén iniciaron unha campaña viral consistente en pintadas de xiz feitas no chan que fan referencia ao virus que se desata en África no xogo, e que pódense ver incluso na cidade de Barcelona segundo manifestou Koch Media (Proein) a distintos medios.

Unha das pintadas que pódense ver en Barcelona

PUBLICIDADE