A dixitalización, gran protagonista do Premio PEME do Ano 2022 da Coruña

xoves, 30 de xuño do 2022 S. P.

A empresa Gabadi adicada ao sector naval e con sede en Narón, recibiu este xoves 30 de xuño o Premio PEME do Ano 2022 da Coruña, galardón que conceden o Banco Santander e as Cámaras de Comercio de Santiago de Compostela e da Coruña, en colaboración coa Cámara de España e o diario La Voz de Galicia. O director executivo (CEO) da Empresa Gabadi, Antonio José Llago Hermida, foi o encargado de recoller o recoñecemento, nun acto que se celebrou na sede da Cámara de Comercio de Santiago. Valorouse, entre outras cousas, o espírito de transformación e dixitalización da empresa.
O acto contou coa presenza do vicepresidente da entidade cameral santiaguesa, José Carballo García, e o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel Galdo Pérez ademais do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director xeral de Comercio, Manuel Heredia Pérez; a directora territorial do Banco Santander en Galicia, Rocío Pazos Toba e; o director da Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela Conde.
Segundo fixeron saber as entidades camerais da Coruña e Santiago, Gabadi é unha empresa do sector naval, que se esforza diariamente para proporcionar aos seus clientes produtos e servizos de calidade, respectando ao máximo o medio ambiente, mediante a implementación dos sistemas máis sustentábeis”. Amais, salienta polo seu compromiso coa I+D+i e pola súa crecente presenza internacional.
O xurado valorou especialmente de Gabbadi “a súa achega á creación de emprego, ás accións de formación, internacionalización, innovación e dixitalización, así como a inclusión de proxectos sustentábeis como parte da estratexia da empresa en 2021”, como méritos para alzarse con este premio.
Ademais, concedéronse catro accésits nas categorías de Internacionalización; Innovación e Dixitalización; Formación e Emprego; e Empresa Sustentábel.
Accésits a Ineltron, Bionix, Dimalnox
O Accésit de Internacionalización outorgouse á Empresa Ineltron, especializada na prestación integral de servizos de enxeñería, montaxe, posta en marcha e mantemento de sistemas eléctricos, de instrumentación e control en plantas industriais.
Pola súa banda, o Accésit de Innovación e Dixitalización, recaeu en Bionix, que simplifica o traballo dos profesionais da cadea de subministro de todo o mundo optimizando a loxística de entrada e saída, as vendas en liña, a xestión de inventario unificado e rendemento dos provedores.
O Accésit á Formación e o Emprego concedeuse á Dimalnox, empresa innovadora especializada na carpintería metálica, “cunha gran capacidade de fabricación, que garante aos seus clientes subministros de xeito estábel, satisfacendo en todo momento calquera demanda coa maior puntualidade nas entregas, achegando o saber facer e a calidade dos seus produtos”.
Por último o Accésit de Empresa Sustentábel da Coruña foi para Acctia Ambiental, que deseña e xestiona solucións integrais que favorecen a sustentabilidade das industrias, a economía circular e a loita contra o cambio climático.
A empresa Gabadi concorrerá ao Premio Nacional PEME do Ano 2022, que se elixirá entre os gañadores de cada provincia. O nome coñecerase nos primeiros meses de 2023, nun gran acto que se celebrará en Madrid. Así mesmo, os gañadores dos Accésits concorrerán tamén á final nacional nas súas respectivas categorías, onde se elixirá ás empresas que destacaron polas súas accións de Internacionalización, as súas políticas de formación e emprego ou innovación e dixitalización e as que teñen implantadas máis medidas de Responsabilidade Social Corporativa (RSC). Nesta nova edición, a sexta deste premio, participaron máis de 1.7766 empresas de todos os sectores produtivos.

PUBLICIDADE