A eSaúde e o procesamento da linguaxe natural foron os eixes do novo Almorzo TIC Talk do CITIC
xoves, 1 de xuño do 2023
Este
martes
30 de maio tivo lugar na Sala Cloud do CITIC (Centro de Investigación
TIC da UDC) unha nova sesión dos Almorzos TIC Talk. A xeira de
divulgación contou desta volta coa participación da investigadora
Beatriz Piñeiro Lambas e o investigador Alberto Muñoz Ortiz.
En
primeiro lugar, Beatriz Piñeiro presentou Modelos de curación:
unha aplicación ao estudo da cardiotoxicidade en paciente con cancro
de mama. A súa investigación baséase nun estudo estatístico
que mide a probabilidade de padecer cardiotoxicidade en mulleres que
reciben tratamentos potencialmente cardiotóxicos. Segundo explicou a
investigadora do CITIC “a clave está en poder estimar, en función
das variábeis clínicas que obtemos a través de técnicas
ecocardiográficas denominadas Doppler, a probabilidade de padecer
cardiotoxicidade, así como coñecer o tempo que pode transcorrer ata
que a paciente desenvolve a doenza”.
Pola
súa banda, Alberto Muñoz Ortiz, coa súa charla Natural language
processing for low-resource languages, mostrou a súa
investigación centrada no desenvolvemento de tecnoloxías efectivas
de aprendizaxe automática e procesamento da linguaxe natural (PLN)
que sexan capaces de comprender linguas minoritarias ou para as que
exista unha escaseza de recursos.
Os
Almorzos TIC Talk son unha iniciativa da comisión de formación do
CITIC que teñen o obxectivo de potenciar a tranversalidade das
investigacións e promover posibles colaboracións entre persoal
investigador que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira
investigadora.