A edición de inverno da Hobbycon contará con torneos de videoxogos

venres, 25 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que o salón multidisciplinar coruñés Hobbycon celébrase por todo o grande en pleno verán, dende o ano pasado decidiron que os afeccionados ao lecer alternativo como os xogos de mesa, a banda deseñada, o cosplay a música pop coreana e mesmo os videoxogos teñan unha oportunidade para calmar as súas ansias no inverno, e así temos que os días 2 e 3 de febreiro de 10:00 a 20:00 horas celebrarán a súa primeira edición de 2019.
Os detalles sobre a nova edición da Hobbycon están a debullarse nas redes sociais, e o que xa adiantaron é que, grazas á colaboración da asociación gamer pontevedresa Gaming Troop contará cunha serie de torneos de videoxogos que amenizarán as dúas xornadas de lecer no recinto de PALEXCO.
Temos así que o sábado 2 ás 11:00 horas comezará un torneo de 5 contra 5 en League of Legends, ás 11:30 horas teremos competición de Dragon Ball FighterZ, ás 12:00 horas de FIFA19, ás 15:00 horas de Smash Bros. Ultimate en individual, ás 15:30 de Tekken 7 e ás 16:00 de Soul Calibur VI.
Para o domingo 2 teremos ás 11:00 horas o comezo do torneo de Hearthstone, ás 11:30 horas inicia a competición de 2 contra 2 no Rocket League para PC, ás 12:00 horas chega a competición de Naruto Ultimate Ninja Storm 4, ás 15:00 horas principia o torneo por equipos de Smash Bros. Ultimate, ás 15:30 teremos torneo de BlazBlue: Central Fiction e, como remate, ás 16:00 celebrarase a competición de Mario Kart 8 U.

A primeira fin de semana de febreiro será unha festa para os afeccionados dos videoxogos que participen nos torneos que terán lugar na Hobbycon

PUBLICIDADE