A empresa galega Primux dá a coñecer as múltiples vantaxes do seu Android TV

xoves, 26 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Primux Tech, empresa galega con sede en Ourense centrada en dispositivos Android e accesorios informáticos, vén de dar a coñecer unha importante novidade tecnolóxica ao abeiro desta liña de traballo de seu, ligada ao sistema operativo libre para dispositivos de última xeración. Estamos a falar de Android TV, servizo co que Primux quere subministrarlle á comunidade TIC un novo xeito de experimentar e de gozar do devandito sistema operativo na televisión do fogar de cada quen. Dito doutro xeito: a idea de Primux é permitir que lle podamos tirar o máximo partido ao recurso de Google, e, “cun só click do noso mando”, ter acceso á televisión de Internet con tecnoloxía Wi-Fi ou LAN.
Co Android TV de Primux, polo tanto, poderemos navegar por Internet, ver películas en alta definición (ten saída HDMI e soporta formatos de reprodución Full HD), contestar aos nosos correos electrónicos, organizar a axenda, actualizarmos o Facebook ou comezar unha sesión cun videoxogo. A maiores, a innovación da empresa galega deixa marxe para que lle introduzamos un disco duro externo (non incluído), que permite elevar as posibilidades de almacenamento a 1 TB, co que non só se poderán gardar as imaxes das bibliotecas, ou a música, senón tamén documentos e películas. “Para permitir o espallamento do Android TV”, sinala a empresa ourensá, “o sistema dispón dun lector de tarxetas SD, varios USB Host, os cales posibilitan a reprodución de calquera arquivo dende un pen ou a posibilidade de enchufarlle un teclado e un rato sen fíos, todo configurábel ao gusto do usuario”.
Especificacións técnicas
· Navegador de Android Ver. 2.3 con soporte Adobe® Flash®.
· Vídeo: Reprodución de vídeo Full HD (1080) a 30 fps, códec de vídeo: H.264, VC-1, AVS, RMVB, MPEG1/2/4, DivX 4/S/6, Sorenson, MJPEG HQ desentrelazador e HQ escalado con bordo suavizado.
· Audio: audio HD decodificación MP3, WMA, WAV, AMR. AAC, OGG PCM / ADPCM, AC-3, SRS, DD +, RA slecode Dobly TrueHD a petición.
· Oficina: Excel®, PowerPoint®, Word®.
· Acepta montaxe disco duro SATA 2,5".
· Inclúe mando a distancia.

PUBLICIDADE