A empresa lucense Kekotukos estrea o seu segundo videoxogo

mércores, 23 de marzo do 2016 Redacción

Kekotukos S.L. é unha startup de orixe lucense que vén de lanzar o seu segundo videoxogo Kekotukos Surprise, desta volta dirixido a primeiros lectores e dispoñíbel xa para descarga en smartphones e tabletas tanto en iOS coma en Android. A aventura, de carácter educativo, está encamiñada a fomentar a aprendizaxe de idiomas. E quen está detrás de Kekotukos? Estamos perante un estudo de desenvolvemento dixital de Lugo que nacía en 2005 e que está dirixido polos emprendedores Eduardo Veiga e Pablo Encabo. Emporiso, este Kekotukos Surprise é o segundo videoxogo que lanza ao mercado esta startup lucense, que o mes pasado entraba no mundo de desenvolvedores de xogos educativos para dispositivos móbiles co lanzamento de Kekotukos Origins.
E volvendo ao novo videoxogo, Kekotukos Surprise supón un paso máis do proxecto Universo Infantil Dixital Kekotukos: dirixido a primeiros lectores (nenos de entre 3 e 7 anos), e que achega un novo xeito de aprender idiomas a través de catro álbums temáticos: Party, Farm, Love e Easter.
Con esta nova app educativa os nenos terán máis doado o feito de aprender a escribir e pronunciar en inglés e español máis de 200 palabras grazas a catro modos de xogo distintos (un por cada álbum de Kekotukos Surprise). A medida que o neno vai xogando, obtén novos cromos que se apegan automaticamente no seu álbum. Cada cromo amosa unha palabra distinta que poderá ser repasada no seu álbum correspondente todas as veces que o neno queira.
Engadir que coincidindo coa Semana Santa e as vacacións de primavera, Kekotukos Surprise incluirá o álbum temático Easter, que se achegará de balde para IOS e Android. Nesta versión Lite lánzase o álbum Easter completo, sen ningunha restrición de uso.
Por outra banda, tamén están xa programadas catro novas expansións de Kekotukos: en Surprise que achegarán novos xogos e contidos que os nenos poderán aprender (Summer, School, Halloween, Christmas). O estudo comprométese a que todas as expansións sexan totalmente de balde seguindo coa filosofía se seguridade e non emprego de compras adicionais dentro dos seus xogos. Así mesmo, en Kekotukos Surprise poderanse incorporar até 5 idiomas novos aos dous xa existentes (inglés e español).

PUBLICIDADE