A feira E3 non será presencial en 2022 por mor da COVID-19

venres, 7 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Despois dunha edición do CES de Las Vegas na que practicamente todas as presentacións se realizaron a través da Internet, e había expositores tan ridículos como o de LG, no que basicamente había códigos QR para consultar en liña os produtos que terían que estar fisicamente de non ser pola situación sanitaria global, resulta evidente que o calendario de eventos tecnolóxicos de 2022 está en tea de xuízo, o que non afectaría só a eventos próximos como o Mobile World Congress de Barcelona, senón que unha entidade como a Entertainment Software Association (ESA) optou por anunciar que a vindeira edición da feira E3 desenvolverase unha vez máis de xeito virtual ante a preocupación pola pandemia.
Un comunicado da ESA asegura que «dados os actuais riscos para a saúde por mor da COVID-19 e o seu potencial impacto na seguridade de asistente e expositores, o E3 non se celebrará en persoa en 2022», o que pode parecer un exceso de prudencia xa que a feira en cuestión celébrase no mes de xuño, pero enténdese que dado que este tipo de eventos se organizan con moitos meses de antelación (tanto polas reservas de espazos, como pola organización de viaxes, actividades, xuntanzas profesionais...) prefiren optar pola prudencia que correr o risco de ter que reprogramar toda a feira a poucas semanas da súa celebración (coas perdas económicas que iso podería supor).
Estaba previsto que o E3 mobilizase a máis de 50.000 profesionais do sector dos videoxogos e a máis de 15.000 afeccionados, e a cancelación do encontro presencial na práctica ten impacto a nivel de negocio, xa que a nivel de proxección mediática nos últimos anos confirmouse que non era imprescindible que as presentacións tivesen lugar en grandes auditorios en Los Angeles, como xustamente vén de ratificar o CES de Las Vegas, que serviu para acoller centos de presentacións de produtos pese a que as actividades se celebrasen virtualmente.

PUBLICIDADE