A feira Pont-Up Store abre o prazo de presentación de candidaturas para a súa décima edición
xoves, 8 de xuño do 2023
Este
venres 9 de xuño ábrese o prazo de presentación de candidaturas
para participar na décima edición do Pont-Up
Store, que é en palabras do Campus de Pontevedra,“o principal
evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste
peninsular”. Desenvolverase
os días 29 e 30 de setembro na cidade do Lérez. Contará con 25
stands gratuítos no recinto da praza de España.
Promovido
pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, e organizado polo
grupo de investigación G4P Plus Desenvolvemento Estratéxico:
organizacións e territorios e a Asociación para o Emprendemento e a
Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como
patrocinador principal, este evento achega aos novos emprendedores e
emprendedoras a posibilidade de dar a coñecer os seus produtos e
servizos. Nesta décima edición disporán de dúas modalidades para
facelo, a través do 35 stands gratuítos que se instalarán
no recinto da Praza de España e do evento Pont-Up Exprés, no que
dez novos emprendedores e emprendedoras presentarán os seus
proxectos a representantes do tecido empresarial galego.
Aberto
a proxectos de emprendemento “innovador e creativo”, que leven en
funcionamento menos de tres anos e medio (42 meses) ou que se atopen
nunha “fase moi avanzada de desenvolvemento”, o prazo de
presentación de candidaturas para estas dúas modalidades de
participación permanecerá aberto desde este venres ata o 9 de
xullo. A organización seleccionará as iniciativas baseándose en
criterios como a orixinalidade, a innovación e creatividade do
proxecto, o seu valor social, a súa sustentabilidade, o seu
potencial económico ou social e a capacidade de desenvolvemento
futuro.
Nesta
décima edición, o Pont-Up Exprés contará cun xurado integrado por
Luis López-Boado, director xeral de Pereira Productos del Mar; Xosé
Lois Lamazares, coordinador xeral de Daveiga Producións; Maite
Rodríguez, responsable de deseño de Finsa, e Ana Olveira,
presidenta da Unión de Cooperativas Espazocoop.
A
nova edición da feira porá foco no ámbito dos videoxogos, grazas
á colaboración de Gaming Troop e á organización do Encontro Indie
Galicia – Galicia Indie Summit, promovido pola profesora da
Facultade de Ciencias da Comunicación Beatriz Legerén. Trátase dun
evento dirixido a dar visibilidade á industria do videoxogo galega,
que visualizará as producións independentes.