A firma tecnolóxica Imatia, Premio Peme do Ano A Coruña 2021

mércores, 22 de setembro do 2021 S. P.

As Cámaras de Comercio da Coruña e Santiago de Compostela e o Banco Santander recoñeceron co Premio Peme do Ano da provincia, edición 2021, á empresa tecnolóxica Imatia Innovation, centrada no desenvolvemento e comercialización de produtos e servizos de software e dirixida á modernización dixital de empresas e administracións. O xurado salientou “a súa capacidade de innovación e crecemento, así como o seu carácter global”. Amais, tamén se distinguiu cun accésit de Internacionalización á empresa Gabadi; cun accésit de Innovación e Dixitalización a Técnicas de Soft; cun accésit de Formación e Emprego a Insertega; e cun de Empresa Responsábel a Teiga TMI. A maiores, a empresa Grelo Comunicaciones obtivo a Mención Especial Reinvención COVID que recoñece a resiliencia das empresas ante a pandemia. Todas as firmas gañadoras concorrerán ao Premio Nacional Peme do Ano 2021 nas súas respectivas categorías.
Os premios contaron coa colaboración da Cámara de España e o xornal La Voz de Galicia.
O director xeral de Imatia Innovation, Fernando Vázquez, foi o encargado de recoller o premio, nun acto que se celebrou na sede da Cámara da Coruña e que contou coa presenza da alcaldesa da cidade, Inés Rey; o presidente da entidade cameral, Antonio Couceiro; o vicepresidente da Cámara de Santiago, José Carballo; a directora territorial do Banco Santander, Rocío Pazos; o deputado provincial da Deputación da Coruña, José Manuel Lage e o subdirector de La Voz de Galicia e delegado na Coruña, Carlos Agulló.
Imatia Innovation, que naceu como unha spin-off universitaria cunha forte orientación cara ao I+D+i, é hoxe en día unha peme que ofrece produtos e servizos de software que axudan a empresas e administracións de todo o mundo a aumentar a súa produtividade. Fundada en 2005, Imatia ten actualmente presencia nos 5 continentes e conta cun persoal de 200 profesionais altamente cualificados. O xurado valorou especialmente a capacidade de innovación e crecemento da empresa, así como o seu carácter global como méritos para alzarse con este premio.
O Accésit de Internacionalización, outorgouse a Gabadi, empresa auxiliar do sector naval, cuxa estratexia de internacionalización fixo que máis do 74% do volume total da cifra de negocios proveña dos mercados internacionais.
O Accésit de Innovación e Dixitalización, recaeu en Técnicas de Soft, dedicada á enxeñaría e automatización industrial, pola súa participación en múltiples proxectos de innovación e desenvolvemento para os sectores enerxético, metalúrxico, madeireiro e do motor.
O Accésit á Formación e o Emprego concedeuse a Insertega, cuxo obxectivo principal é a inserción laboral de persoas con capacidades diferentes e que está especializada en buscar unha saída sustentábel ao residuo que xera a industria téxtil.
O Accésit de Empresa Responsábel da Coruña é para Teiga TMI, que ofrece servizos electromecánicos industriais nos sectores Oil&Gas, enerxía, industria e alimentaria.
Ademais, este ano incluíuse unha Mención Especial Reinvención COVID para recoñecer a resiliencia das pequenas e medianas empresas que foron capaces de adaptar a súa actividade ante as circunstancias impostas pola pandemia. Grelo Comunicacións recibiu esta mención polo “seu compromiso social durante os meses de confinamento, grazas ao cal, persoas sen recursos puideron dispor de Internet, a pesar das dificultades do momento”.
No acto, o presidente da Cámara, Antonio Couceiro, destacou que “máis dunha trintena de empresas coruñesas presentáronse nesta edición aos premios, o que nos sitúa entre as primeiras provincias españolas en canto a número de candidaturas, e demostra o interese que os mesmos suscitan”.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que “estes premios valoran ás mellores pemes do ano que salientaron en fortalezas empresariais tan importantes como a dixitalización, a internacionalización ou a innovación, e valoran tamén a excelencia da formación e o emprego nun momento complexo para todos, superando as dificultades habituais e, ademais, as dunha época turbulenta e incerta, como a actual”.
O vicepresidente da Cámara de Santiago, José Carballo enxalzou “o valor que deben achegar as empresas á sociedade e á súa contorna máis próxima posto que as cadeas de produción son e serán, cada vez máis curtas”.
A directora territorial do Banco Santander, Rocío Pazos destacou “o éxito desta edición do Premio Peme do Ano e a gran calidade das candidaturas, que veu a demostrar a capacidade de adaptación das nosas empresas ante as adversidades, así como a súa faceta máis solidaria”.
José Manuel Lage Tuñas, en representación da Deputación da Coruña, felicitou á empresa gañadora, “un claro exemplo da aposta pola innovación que caracteriza á provincia da Coruña e a importancia de impulsar a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa”.
O subdirector de La Voz de Galicia, Carlos Agulló, puxo en valor “a importancia para A Coruña, pero tamén para Galicia, do armazón económico e social que compoñen pemes e autónomos”.

PUBLICIDADE