A franquía Infinity Blade supera os 30 millóns de dólares

luns, 9 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Que os xogos para móbiles están a ser un fenómeno de grande importancia é algo innegable, pero algúns produtos destacan máis que outros, como é o caso da franquía Infinity Blade, que resultaba moi rechamante por levar a dispositivos con iOS un xogo que funciona co Unreal Engine 3, polo que moitos víano coma un título conceptual para demostrar a potencia gráfica dos últimos iPhone e iPad, pero que pareceu convencer ao público facturando máis de 30 millóns de dólares no seu primeiro ano de vida.
Este xogo de Epic Games conseguiu superar os 23 millóns de dólares coa súa primeira entrega, e Infinity Blade II parece ir por bo camiño, superando os 5 millóns de dólares netos no seu primeiro mes á venda, confirmando que grandes producións como as das consolas de videoxogos domésticas son posibles en plataformas móbiles.
A primeira entrega de Infinity Blade continúa á venda por 4,99 euros, mentres que Infinity Blade II pode adquirirse por 5,49 euros na App Store, polo que tiveron que colocar varios millóns de copias para poder conseguir estes grandes resultados que non parecen ter nada que envexar con grandes títulos para Xbox 360 ou PlayStation 3. De feito, nos EE.UU. incluso levaron o xogo a máquinas recreativas, conservando a súa mecánica de xogo, aínda que levando a experiencia a unha pantalla táctil de 46 polgadas.

PUBLICIDADE