A franquía de Batman: Arkham vai camiño dunha terceira entrega

martes, 12 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

A decisión de lanzar no seu día o xogo Batman: Arkham Asylum desvencellándose do lanzamento das películas baseadas no personaxe de DC Comics, evitando así un desenvolvemento apresurado, demostrou ser todo un acerto, que confirmouse cunha secuela de igual éxito, Batman: Arkham City, e finalmente parece que a historia vai rematar como unha triloxía, se atendemos ás declaracións do director financeiro de Time Warner, John K. Martin, que nunha comparecencia ante os investidores da compañía asegurou que tras os bos resultados acadados en 2012, van publicar unha nova entrega da franquía Batman: Arkham, polo que esperan ter tamén bos resultados en 2013.
Esta información contrasta cos rumores que apuntaban a un novo xogo de Batman ambientado na Idade de Prata (etapa que vai entre finais dos anos 50 e mediados dos 80, que foi cando comezou a escurecerse o personaxe, destacando especialmente o período de Dennis O’Neil e Neal Adams) e ao feito de que comentan que dende Rocksteady Studios non están a traballar nun novo xogo de Batman en concreto, polo que o lanzamento dun Batman: Arkham antes de rematar o presente ano ou a primeiros do ano que vén seguiría a ser unha información sen confirmar.

PUBLICIDADE