A futura PlayStation 5 podería aceptar cartuchos

martes, 19 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Pouco a pouco imos sabendo máis sobre o que será a vindeira xeración de consolas de videoxogos, e unha patente de Sony vén de sorprender por recuperar un concepto moi habitual de consolas clásicas e que parecía que pasaran totalmente á historia: os cartuchos.
A patente rexistrada por Sony describiría uns cartuchos cunha conexións de 12 pins que non serían un soporte para xogos gravados en chips, senón que realmente sería un formato para unidades SSD de 1, 2 ou 3 TB de capacidade que poderían inserirse na futura PlayStation 5 como unidades de almacenamento de lectura e escritura, o que permitiría que a consola chegase ao mercado cunha capacidade de almacenamento reducida, contendo así o seu prezo, para permitir que logo o usuario poida ampliar a súa capacidade mantendo a promesa de grandes velocidades de carga que pretendes coa eliminación dos disco duros tradicionais.
Unha das grandes vantaxes da posibilidade de ampliar o seu almacenamento interno sería claramente o poder adquirir a consola por un prezo axustado, e poder mellorala máis adiante, cando aumente considerablemente o catálogo de xogos, de xeito que non sería preciso facer un innecesariamente grande investimento inicial por unha versión que non vaia quedar curta de capacidade de almacenamento.
Os rumores actuais sosteñen que a PlayStation 5 presentarase nun evento que tería lugar no mes de febreiro, dando conta das características da consolas e os seus xogos de lanzamentos, aínda que habería que agardar pola máquina até a campaña de Nadal. Tamén insístese en que a consola terá un prezo razoable, o que enténdese que estaría entre os 500 e os 550 euros.

PUBLICIDADE