A galega Balidea fai balance positivo dos seus 8 anos traballando en torno ás TIC

martes, 24 de agosto do 2010 Raquel Noya

Carlos Segade, responsable de Balidea

A empresa galega Balidea, dedicada ao deseño, desenvolvemento e integración de software de xestión, desenvolvemento web e plataformas de eAdministración, vén de facer reconto do que deron de sí estes oito anos de andaina dende a súa posta en marcha e o balance, segundo afirman, é “moi positivo, ao ter creados máis de 100 postos de traballo netos”.
Ademais da súa contribución ao desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia e ao feito de ter colaborado na modernización tecnolóxica de numerosas organizacións, tanto da administración pública como da empresa privada, os responsables de Balidea valoran “de xeito moi especial” a creación de tantos postos de traballo no noso país, dos cales, “máis do 50 por cento deles foron creados nos últimos dous anos”.
Balidea, con sede en Santiago de Compostela, celebra o seu octavo aniversario cunha facturación que supera os 3 millóns de euros no último exercicio.
Con todo, e logo destes oito anos, a Dirección amósase “especialmente satisfeita polos logros acadados en materia de Responsabilidade Social Corporativa e de aposta pola excelencia, a mellora continua e a I+D+i”.
Carlos Segade, responsable de Balidea, incide especialmente no feito de que a empresa teña pechado todos os seus exercicios cun incremento do cadro de traballadores e traballadoras, pois só no que vai de ano, a empresa creou 32 novos postos de traballo, o que “ten aínda unha maior significación nunha conxuntura económica como a actual e nos permite ser optimistas de cara ao futuro”, apuntou.
Entre os obxectivos do plan estratéxico da empresa para o período 2009-2012 está o de pechar esta etapa duplicando os postos de traballo creados ata a data e de facelo, ademais, “na mesma liña que vimos mantendo desde a creación da empresa, xerando emprego estable, de calidade e fortalecendo un cadro de persoal cada vez máis consolidado, formado e interdisciplinar”, afirma Carlos Segade.
Balidea dispón ademais dun equipo humano cunha media de idade moi nova, un incentivo que, segundo o seu responsable, “nos confire ilusión por abrirnos camiño e situarnos como unha das empresas punteiras do sector das tecnoloxías da información e das comunicacións en España”.

PUBLICIDADE