A galega Caisoft lanza unha solución para facilitar a adaptación ao sistema Verifactu da Axencia Tributaria
mércores, 15 de xaneiro do 2025
Tendo en conta que a partir de xaneiro de 2026 as empresas estarán obrigadas a utilizar un software de facturación homologado ao sistema Verifactu da Axencia Tributaria, a empresa galega Caisoft comprometeuse a facilitar aos negocios esta adaptación e por este motivo vén de lanzar API Portal SIF, unha solución deseñada para unha integración sen complicacións de calquera software, xa sexa un ERP, TPV, PMS ou outro sistema de xestión.
O software terá as mesmas características xa coñecidas polos clientes de Caisoft pero adaptado á Lei Antifraude e preparado para futuras normativas. O obxectivo desta solución é “xestionar os rexistros de facturación sen alterar o fluxo de traballo das empresas, cun control total sobre a emisión, recepción e estado das facturas, garantindo a correcta vinculación dos rexistros e a súa conformidade coa AEAT, a Axencia Tributaria”.
Dende Caisoft explican que a solución inclúe entre outras vantaxes conexión directa coa AEAT (envía e valida os rexistros de facturación en tempo real segundo o sistema Verifactu), automatización total (controla fluxos, xestiona respostas da Administración e asegura a actualización constante dos sistemas), máxima seguridade (cumpre con todos os estándares legais esixidos e garante a integridade dos rexistros) e ademais reforza a súa capacidade de adaptación a novas contornas de demandas (é un produto “axeitado para pequenas empresas e grandes desenvolvementos”, sinalan dende a empresa).
Dende Caisoft engaden que contan con recursos para acompañar ás empresas, a través da supervisión e o asesoramento dos técnicos informáticos de Caisoft, para acompañar ás empresas en cada paso, resolvendo as dúbidas e garantindo unha implementación áxil e sinxela.