A galega Cludeen amosa en Madrid a súa innovadora tecnoloxía para o control das máquinas de xogo

luns, 26 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

O xerente da firma de Milladoiro, Alejandro Romero, no IFEMA de Madrid

A empresa galega Cludeen, start-up con sede en O Milladoiro (Ames), está a presentar estes días a súa innovación tecnolóxica no recinto IFEMA de Madrid, no marco da Feira Internacional do Xogo que se celebra dende o 26 ao 28 de marzo. A achega de Cludeen consiste basicamente nun sistema de control e xestión intelixente de recursos de índole deslocalizada para máquinas de xogo. A estratexia, para facérmonos unha idea, consiste en tirar partido dos novos recursos de comunicación para permitir maior marxe de uso e de seguimento sobre cada un dos devanditos aparellos. De feito, a tecnoloxía posta en xogo permite levar a cabo labores de xeolocalización (co que se sabe en calquera lugar e intre o emprazamento exacto dunha máquina) e de deseño de rutas intelixentes.
Segundo a empresa galega, estamos ante un sistema revolucionario que amosa un amplo potencial para facilitar o traballo dos operadores do sector e optimizar recursos. Ou sexa, que estamos ante unha ferramenta que rendibiliza as tarefas, que serán certeiras e non requirirán máis esforzos nin tempo do estritamente necesario. Para conseguilo, tira proveito da rede móbil GPRS e dun innovador produto de desenvolvemento de seu que se conecta ás máquinas.
O sistema, informa Cludeen, inclúe dúas partes diferenciadas. Por unha banda, unha placa base de captura de información, creada pola firma galega; e pola outra un software web que permite coñecer en tempo real o comportamento dos aparellos de xogo e os seus traballadores. “A ferramenta busca tirar proveito do gran afianzamento que están a experimentar tecnoloxías como smartphones, blackberrys ou sistemas operativos Android, que achegan a posibilidade de accedermos á plataforma dende calquera lugar e en calquera intre”, informa a compañía de Milladoiro.
Cludeen amosará o seu produto durante os tres días da devandita feira madrileña (FER-Interazar). Segundo fai saber o xerente da firma, Alejandro Romero, “este produto vai permitirlles ás empresas un coñecemento total do comportamento dos seus recursos e un notábel aforro de custes, tan importante nestes tempos que corren”.
A empresa Cludeen está confinanciada por XesGalicia, a través do fondo de capital risco XesInnova, co obxectivo de desenvolver produtos innovadores no eido da xestión remota e os sistemas de telemetría.

PUBLICIDADE