A galega DabyzSoft equipa os polígonos do Grove e Ribadumia con pantallas de publicidade interactiva controladas na nube

martes, 13 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A firma galega DabyzSoft, con sede no Grove e centrada en sistemas e tecnoloxías de publicidade interactiva, vén de dotar aos polígonos industriais de Ribadumia e Cambados (7 Pías) con pantallas xigantes de información aos usuarios. Os traballos despregados por DabyzSoft nos complexos industriais arousáns remataron o pasado mes. O resultado foi a instalación de pantallas de seis metros cadrados de superficie cada unha na entrada de cada polígono.
Máis polo miúdo, trátase de dispositivos con soporte tipo tótem de catro metros de altura por dous metros de ancho que se van empregar para sinalización dixital nos polígonos, información institucional dos Concellos e información de interese para os veciños e para os usuarios. Segundo informan fontes de DabyzSoft, as propias empresas emprazadas nas dúas áreas industriais terán a oportunidade de contar cun espazo de seu para as súas comunicacións, mediante vídeo e imaxes fixas.
Dende DabyzSoft indican que se instalaron módulos Fullcolor con vídeo a toda cor e un tamaño de pitch P6,67, o que dota a pantalla dunha resolución de 288 píxeles de ancho por 432 píxeles de alto, e polo tanto 124.416 LED. Así mesmo, equipáronse con controladoras e player con xestión dende a nube, polo que todos os contidos son incorporados en remoto dende os propios Concellos a través dunha web de xestión.
A empresa tamén informou de que este tipo de dispositivos responde a unha importante demanda das empresas, da cidadanía en xeral e tamén das propias entidades públicas, sobre todo polo importante compoñente de información accesíbel e inmediata que poñen en xogo.
DabyzSoft tamén salienta o elemento de coidado medioambiental que achegan estas tecnoloxías, xa que liberan ás empresas do gasto continuo en materias primas que implica a publicidade tradicional. “A nosa tecnoloxía non xera residuos e os recursos LED teñen un consumo enerxético de só 310W/m2”, explican, engadindo que o baixo gasto enerxético non impide dispor dun alto nivel de brillo (5500cd/m2) e contraste (4000:1) para garantir a máxima visibilidade dos paneis a plena luz do día cun ángulo de visión de 140º en horizontal, 120º en vertical e protección IP65 para a meteoroloxía galega.
DabyzSoft é unha empresa radicada en O Grove que se adica a integrar pantallas de gran formato en diversos soportes, xa sexa integración en fachadas e escaparates, así como deseño de soportes para dar o servizo que demandan os clientes. Así mesmo ten pantallas para publicidade en O Grove e Cambados e tamén diversas pantallas en aluguer para diferentes eventos que se desenvolven tanto en interior coma en exterior.

PUBLICIDADE