A galega GamersWalk acadou 100.000 usuarios rexistrados nos seus primeiros sete meses

martes, 1 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

O equipo de GamersWalk, integrada por Rafael Fernández, Jon Torrado, Alberto Lamas, Manuel Alexandre Rivas e Juan Carlos Barros

A firma galega GamersWalk, especializada na distribución innovadora de videoxogos, vén de facer balance do seu primeiro medio ano de “vida”. Segundo informan os responsábeis da iniciativa, esta acadou xa, en sete meses de andaina, a cifra nada desprezábel de 100.000 usuarios rexistrados. A xuízo do equipo de GamersWalk, a comunidade xerada mostra “o gran poder de atracción da nosa innovadora plataforma de eSports con sede Oleiros”. Pero hai máis cifras. No seu balance tamén se fai saber que máis de 160 streamers participan de xeito activo no seu sitio web e que este xa rexistrou máis de 6.500 internautas simultáneos seguindo un mesmo streaming e con retransmisións das principais competicións de deportes electrónicos.
Máis en detalle, o equipo de GamersWalk (integrada por Rafael Fernández, Jon Torrado, Alberto Lamas, Manuel Alexandre Rivas e Juan Carlos Barros) explicou que o sistema de preguntas e respostas en tempo real, o StreamBattles conquistou a máis de 160 streamers que participan de forma activa na plataforma. Entre eles, cómpre salientar youtubers tan referenciais como TheAlvaro845, reputada figura do ámbito dos eSports en formato móbil. O presidente de GamersWalk, Juan Carlos Barros, aplaude unhas cifras “que demostran o enorme potencial dunha plataforma única que conta con picos de audiencia que van alén dos 6.500 usuarios simultáneos seguindo un mesmo streaming”.
Sobre un dos puntos fortes de GamersWalk, o seu dinamismo, engade que a plataforma atópase en “constante evolución” e que en datas vindeiras ampliaranse as súas funcionalidades con ferramentas exclusivas que mellorarán a experiencia de usuarios e streamers. E explica: “GamersWalk basea a súa estratexia en crear e dar resposta ás necesidades dunha comunidade moi activa que muda cada pouco; nós derrubamos as barreiras comunicativas para que os usuarios sexan protagonistas das mellores competicións de eSports”.
O equipo da empresa con sede en Oleiros tamén recorda que amais de ofrecer un contacto directo entre os streamers e a súa audiencia, GamersWalk retransmite as principais competicións internacionais de eSports como LCS, LCK, Liga Chispitas ou ESL Masters, entre outras.
O colectivo tamén lembra que nos últimos meses a plataforma realizou importantes alianzas con VFO (competición oficial de fútbol virtual baseada no videoxogo EA Sports FIFA) ou a firma ESL, considerada a maior compañía do sector no mundo.
Para Manuel Alexandre Rivas e Jon Torrado, co-conselleiros delegados de GamersWalk, os datos solicitados nos primeiros meses de vida da plataforma son “moi satisfactorios”, xa que “avalan un proxecto que crea un universo relacional que medra a un ritmo de vertixe e que recolle as demandas da propia comunidade de seareiros”. Engaden que “as alianzas fraguadas nos últimos meses poñen en valor un produto único que é quen de incrementar a interacción entre usuarios e streamers”.
Sinalar tamén que GamersWalk conta co apoio do presidente executivo de Carbures, Rafael Contreras, que apostou pola plataforma cun investimento de 600.000 euros para adquirir o 20% do proxecto.

PUBLICIDADE