A galega INEO representará ás pequenas e medianas empresas na Iniciativa Española de Software e Servizos

mércores, 27 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Jorge Cebreiros, presidente da asociación galega INEO

A asociación INEO vén de obter un importante recoñecemento ao seu labor de impulso ás nosas empresas tecnolóxico-dixitais, unido á procura constante dunha maior cohesión e actividade conxunta. Máis polo miúdo, a entidade con sede en Vigo foi elixida como representante das pequenas e medianas empresas (PEME) no novo Comité Xestor de INES, a máis senlleira rede de cooperación científico-tecnolóxica de España. A elección da asociación galega ten a súa raizame na súa estratexia de achegamento ás institucións nacionais e europeas máis salientábeis para o sector TIC, co obxectivo de “defender e posicionar os intereses das empresas deste eido”, sinalan fontes de INEO.
Lembrar que INES, Iniciativa Española de Software e Servizos, é unha rede de traballo científico-tecnolóxica que abrangue aos axentes tecnolóxicos máis destacados do eido estatal, entre os que atopan empresas e asociacións empresariais, universidades, centros de investigación e organismos públicos. Na sétima edición da súa asemblea xeral, que se celebrou os pasados 5 e 6 de xuño no Parque Tecnolóxico Walqa, aprobouse a nova configuración para o período 2012-2014 do Comité Xestor, órgano que ten como misión organizar, xestionar e adoptar decisións sobre as actividades e a difusión desta rede. O Comité está integrado por dez membros, catro representantes do mundo da empresa e seis de organismos de investigación. Nesta orde cousas, INEO intégrase entre os que representan o tecido empresarial, asumindo como tarefa principal trasladarlle á rede a visión particular das PEME. Ao carón de INEO traballarán Atos, Answaretech e Sadiel (dentro do grupo de empresas) e Tecnalia, a Universidade Politécnica de Madrid, a Universidade de Sevilla, Universitat Politècnica de Catalunya, o Instituto Tecnolóxico de Informática e o Instituto Tecnolóxico de Aragón (dentro do grupo de organismos de investigación).
A asociación galega está a recibir con ilusión este recoñecemento. A xuízo de Jorge Cebreiros, presidente de INEO, “é moi importante que as empresas galegas tomen conciencia de que deben colaborar a nivel nacional e europeo, posto que serán os nosos compañeiros de viaxe naturais no proceso de internacionalización, á vez que nos axuda a sermos máis competitivos e, por suposto, a estar na vangarda da innovación”. No seu punto de vista, a nosa terra ten moito “que dicir no panorama de innovación nacional e a nosa presenza na plataforma española máis importante para o noso sector era algo absolutamente imprescindible”.
A elección de INEO como membro do comité, engade, supón un paso adiante na súa estratexia de achegamento ás institucións nacionais e europeas. Este logro, comenta, é o segundo gran logro que acada INEO a través desta estratexia concreta, trala elección de Jorge Cebreiros, precisamente, como presidente da Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica (CONETIC) para os vindeiros dous años. Con isto, “a nosa asociación reforza o seu papel como representante das empresas TIC de Galicia nos ámbitos exteriores, potenciando a busca de mercados e defendendo os seus intereses nas institucións e máis nos foros nos que se toman decisións relevantes para o desenvolvemento do tecido TIC”.

PUBLICIDADE