A galega R vístese de outono da man de varias alumnas da Universidade de Vigo

venres, 7 de setembro do 2012 Raquel Noya

Laura Alonso, Cristina Fernández, Adriana Villamisar e Cristina Veiga, son catro alumnas do Máster en Dirección de arte en publicidade da Universidade de Vigo, que están a dar os seus primeiros pasos no competitivo mercado laboral; pero non de calquera maneira, senón da man dunha das nosas grandes: a operadora R, que gustou da creatividade destas catro rapazas para ilustrar a súa prestixiosa publicación.
Falamos da revista corporativa que a firma de telecomunicacións publica mensualmente para informar aos clientes das novidades dos seus servizos, que nesta ocasión apostou polos deseños das catro publicistas, para encher de cor a portada e as páxinas interiores da edición deste mes de setembro, dedicada ao outono.
A iniciativa xurdiu o ano pasado da man da axencia de publicidade quattro idcp, que ten entre a súa carteira de clientes á empresa R, e que “mantén unha estreita colaboración co mestrado”, aseguran; tanto que “dous dos seus profesionais completan a lista de docentes deste posgrao”, engaden, os mesmos que lle pediron ao alumnado do Máster que como traballo de clase deseñasen unha proposta de portada para a revista da compañía.
As mellores propostas foron preseleccionadas e enviadas a R, que finalmente escolleu as devanditas creacións para incluílas na primeira páxina e en varias páxinas interiores desta publicación que xa foi galardoada con varios premios, e que chega puntualmente aos fogares de preto de 150.000 clientes.
Cristina Fernández, a autora da portada, escolleu un deseño estacional para a súa ilustración, co que buscou capturar a esencia do outono empregando un esquío como símbolo. Fernández explica que substituíu as landras polo logotipo de R, “converténdoo no obxecto de desexo”, aclara.
As alumnas móstranse moi ilusionadas pola boa acollida da súa obra, e agardan con entusiasmo que outras empresas confíen no seu talento en vindeiras ocasións, tal e como R o fixo desta volta.

PUBLICIDADE