A galega Tesla Technologies loitará contra o desemprego xuvenil europeo con tecnoloxía de seu
mércores, 21 de agosto do 2019- Os representantes das entidades involucradas no proxecto nunha xuntanza en Eslovenia
A
empresa tecnolóxica Tesla,
con sede en Santiago e centrada en servizos de desenvolvemento e
consultoría TIC, está involucrada nun proxecto europeo (o
proxecto IPS4NEET) para facer avanzar a formación da xente nova
e, deste xeito, combater o desemprego e a falta de cualificación
especializada. O piar do proxecto será unha plataforma tecnolóxica
desenvolvida e validada en colaboración con expertos noruegueses na
metodoloxía IPS (Individual Placement and Support).
Segundo
lembra Tesla Technologies, facéndose eco de datos de Eurostat relativos a 2018, o
16,5% da mocidade da Unión Europea de idades comprendidas entre os
20 e os 34 anos (ao redor de 15 millóns de persoas) non recibe
educación nin formación, nin están no mundo laboral. “En España
estas cifras son máis altas chegando a ter en Galicia unha taxa de
desemprego do 27,25%”, explican dende Tesla Technologies, engadindo que dentro
do dito grupo de idade hai unha gran porcentaxe de mozas e mozos que
non se educa, nin ten emprego nin capacitación. É a chamada
xeración NEET, un colectivo cunha taxa de desemprego
extremadamente alta. Axudalos a saír da situación con recursos
tecnolóxicos e formación avanzada é o gran obxectivo de IPS4NEETs
(Individual Placement and Support for NEETs through Education
Youth Technology Platform). O obxectivo é ter a ferramenta do
proxecto desenvolvida e implantada en Eslovenia, Hungría e Romanía
en 2021.
Segundo
lembra Tesla Technologies, o método IPS desenvolveuse en Estados Unidos nos anos
90 e mostra mellores resultados cós métodos tradicionais. Para
sacarlle partido, xuntáronse entidades e empresas de España (Tesla
Technologies & Software), Eslovenia (Public University of Ptuj),
Romanía (Asociatia EIVA), Hungría (Interregio Forum Association) e
Noruega (Fønix AS, expertos en IPS).
O
papel de Tesla Technologies será o de pór en xogo a súa experiencia TIC (máis
dunha década impulsando e dando forma a proxectos educativos e de
integración social e dixital) para afrontar o reto de deseñar as
ferramentas tecnolóxicas que fagan posíbel cumprir o obxectivo de
implantación do proxecto. Con este fin, explica a compañía, “a
nosa firma empregará as tecnoloxías máis vangardistas como pode
ser a inclusión de recursos desenvolvidos en Realidade Aumentada,
Realidade Virtual ou aprendizaxe máquina para diferentes sectores,
como educación ou Industria 4.0”.