A galega Xesol loce achados de condución intelixente en CEBIT

luns, 11 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A firma galega Xesol Innovation está pisando forte este ano 2018. Recentemente, o 19 de abril, deu a coñecer na Cidade da Cultura os seus achados recentes nunha relevante xornada tecnolóxica organizada polo Clúster TIC Galicia. Ademais, hai só uns días presentou na XVI edición de GaliciaTIC o seu innovador sistema tecnolóxico que é quen de detectar peóns na rúa e facer o seguimento das súas traxectorias. Por outra banda, a axenda apertarase aínda máis coa participación de Xesol nunha das principais feiras do mundo en materia de dixitalización e proxectos empresariais: CEBIT (Europe’s Business Festival for Innovation and Digitization). A cita será en Hannover, Alemaña, entre mañá día 12 e o venres día 15.
En CEBIT, que se artella en catro seccións (economía e transformación dixital, emprendemento e innovación, conferencias e obradoiros e, por último, creatividade e traballo en rede), Xesol Innovation fará un percorrido pola súa experiencia, moi centrada no ámbito da Internet das cousas (IoT) e no desenvolvemento de solucións para coche conectado e autónomo. Por exemplo, o seu sistema de condución intelixente que achega vantaxes como a maior cantidade posíbel de ángulos de visión aumentada dun automóbil, o seu sistema de percepción dinámica da contorna que detecta e monitora o percorrido dos peóns ou a súa tecnoloxía de visión artificial que detecta fatiga, distracción e somnolencia no condutor.

PUBLICIDADE