A idade mínima para usar WhatsApp pasará de 13 a 16 anos

venres, 13 de abril do 2018 Marcus Fernández

Normalmente ignoramos as condicións de servizo das aplicacións que empregamos no noso día a día, pero estas teñen a súa importancia, especialmente no que a responsabilidade legal se refire, de aí que sorprenda bastante que dean conta que WhatsApp está a preparar unha nova redacción dos seus termos de uso, que probablemente entraría en vigor o 25 de maio, e que mudaría a idade mínima para poder empregar esta aplicación de mensaxería.
Os termos de uso actuais de WhatsApp recollen que os usuarios deben ter como mínimo 13 anos de idade (ou a idade mínima requirida en cada país) ou ter autorización dos proxenitores, pero o novo texto indicaría que a idade mínima para empregar WhatsApp pasaría a ser de 16 anos, aínda que este tipo de limitacións resulta pouco relevante para o usuario final, xa que non están establecidos mecanismos de verificación da idade dos usuarios, aínda que iso podería mudar no futuro no caso de que os lexisladores obriguen a que se faga tal.

PUBLICIDADE