A implantación de eléctrodos no cranio podería ser a terapia do futuro para a depresión

martes, 18 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Para aqueles funcionarios que crían que un bo xeito de manter os seus soldos sen facer ren era acadar unha dubidosa baixa por depresión, terán que pensalo dúas veces no futuro, ou poderían volver ó choio tras unha intervención e con dous eléctrodos nos seus cranios. Despois do Prozac, as terapias alternativas, e o desprestixiado tratamento por electroshock, a neurociencia está a levar a cabo unha nova forma de sandar os casos de depresión severa: de xeito quirúrxico e grazas á implantación de eléctrodos no interior da cabeza. Estes pequenos terminais envían descargas eléctricas de baixa voltaxe ás neuronas mellorando a comunicación entre elas, proceso comunicativo que se ve deteriorado nas persoas que padecen casos complexos de depresión.

Entre os centros que están a investigar, e levar a cabo estas novas terapias atópanse a Universidade de Toronto e a de Emory, entre outras institucións, e segundo un artigo publicado no xornal científico Popsci.com, en estes intres polo menos 50 doentes xa teñen os devanditos eléctrodos nos seus cranios.

A operación é relativamente simple, e tendo en conta o explicado no artigo en cuestión, esta técnica denominada “estimulación profunda do cerebro” semella ser a evolución final das terapias de electroshock, e a xeito explicativo o autor sinala que a mesma podería considerarse coma un marcapasos, mentres que os electroshocks equivalerían á descarga dun desfibrilador para o noso cerebro. Os eléctrodos implantados nos miolos teñen fíos subcutáneos, que se conectan á altura do peito a dous estimuladores do tamaño dun reprodutor mp3 e envían pequenas descargas a determinadas zonas da noso cerebro, todo isto de xeito controlado e regulado por un profesional en controis periódicos.

Os detalles desta técnica presupoñen que no intercambio de información entre neuronas a electricidade potencia a cantidade de fluxo informativo, e, á súa vez, envía aquelas mensaxes consideradas “correctos”, solucionando tamén os posibles fallos daquelas neuronas desgastadas. A longo prazo, os científicos agardan que os estudos sobre as neuronas sirvan para crear novos métodos de detección e tratamento de doenzas psíquicas.

PUBLICIDADE