A iniciativa Twitter en Galego, Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

martes, 15 de xuño do 2021 S. P.

Xa temos finalmente gañadoras e gañadores nos Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña, edición XII. Trátase do debuxante Xaquín Marín (categoría persoas), a Agrupación Astronómica Ío (entidades) e a iniciativa Twitter en Galego (modalidade de iniciativas de xente nova), adicada esta última a reivindicar a presenza activa da nosa lingua na coñecida rede social.
O xurado composto pola técnica de normalización lingüística do concello da Coruña, Julia Rigueiro, o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Caetano Viscaíno e, en representación dos proxectos gañadores da edición anterior, Ana Belén Costoya de Nós TV e Inmaculada Seage polo Club de Debate coa deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, como presidenta e a técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria decidiu conceder as tres modalidades do premio Rosalía de Castro por unanimidade, destacando “a calidade e o traballo desenvolvido polas propostas gañadoras”.
O debuxante Xaquín Marín é o gañador na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua galega por, segundo o xurado, "o compromiso continuado no tempo, polo alcance social do seu traballo e por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual”.

O xurado da nova edición do certame impulsado pola Depuación da Coruña

Na categoría de entidade que destaca na promoción da lingua galega a gañadora é a Agrupación Astronomía Ío, “por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e sen bagaxe no noso idioma que ademais conseguen trasladar dun xeito accesible e atractivo para o público xeral”.
Finalmente, na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos treitos da poboación de menor idade, nenez e mocidade, e que “atenda espazos emerxentes de uso da lingua”, a gañadora é a iniciativa Twitter en Galego, promovida por Carlos García Vieito da que se sinala que coordina “o proceso de tradución para configurar esta plataforma social na nosa lingua e fornece un referente nas redes sociais, para o público xeral e para a mocidade en particular, facendo que cada día máis chíos sexan en galego”. Valórase tamén que Twitter en Galego cree “terminoloxía que permite colocar a lingua galega na nova realidade dixital” e destácase o “grande impacto social con máis de 15.000 persoas usuarias coa conta configurada en galego”.
O premio está dotado con 2.100 euros por categoría.

PUBLICIDADE