A mobilidade e a nube, os eixes da xornada de @asLAN este mércores en Santiago
martes, 17 de setembro do 2013
- Participantes nun dos moitos foros que a asociación @asLAN celebra na xeografía española
A asociación @asLAN,
tal e como informamos en Código Cero, está preparar un evento
TIC en Santiago de Compostela: a
xornada de apertura da súa xira tecnolóxica polo territorio
estatal. A cita, que ten o apoio do do Colexio Oficial de
Enxeñeiros de Galicia, celébrase sen ir máis lonxe este mércores
18 de setembro, xirando arredor de cuestións como a mobilidade e a
computación na nube, dous conceptos-tecnoloxías que dende a
organización cualifican de “imparábeis”.
Entre outros
profesionais, no encontro deste mércores participarán os
responsábeis de Zertia Telecom,
provedor de servizos xestionados de telecomunicacións e operador de
datos para empresas. Segundo nos recordan dende Zertia, o Gran Hotel
Araguaney (o escenario elixido para esta apertura de tour)
acubillará interesantes relatorios de interese para as empresas,
facendo fincapé en como axeitar as infraestruturas tecnolóxicas ás
contornas móbiles, ou na necesidade de desenvolver e integrar
servizos cloud.
Pola parte de Zertia
falará José Joaquín Loza, responsábel de desenvolvemento de
negocio, que fará xirar o seu relatorio arredor de presente e o
futuro dun departamento empresarial ou institucional de novas
tecnoloxías, salientando a potencialidade de conceptos como as
comunicacións xestionadas e a computación na nube neste ámbito.
Tras a súa visita á capital galega, o tour pasará por
Santander, Málaga, Barcelona, Mallorca, e Barcelona.
Amais das devanditas
achegas de Zertia, na xornada falarase sobre: BYOD, banda larga sen
fíos (Wi-Fi, WiMax, LTE), redes definidas por software (SDN),
virtualización de escritorios (VDI), mobilidade, comunicacións
unificadas, centros de datos, etc... Dicir que patrocinarán este
foro empresas como Cambium Networks, Huawei, Colt Technology, TomTom,
APC by Schenider, Novell ou DELL, entre outras.