A mocidade de Baiona aprende competencias dixitais no campamento gratuíto do Concello
xoves, 4 de xullo do 2024
O Concello de Baiona, ofrece este verán varias propostas no ámbito das novas tecnoloxías dirixidas á mocidade da vila. As concellerías de Mocidade e Tecnoloxías, en colaboración coa Fundación Esplai, organizaron un campamento sobre competencias dixitais que comezou onte 1 de xullo e desenvolverase ata ao 22 de xullo no Centro Multiusos Ángel Bedriñana.
A formación, totalmente gratuíta, celébrase de luns a venres, con dous grupos diferenciados, un de competencias básicas destinado á mocidade de entre 12 e 13 anos e outro de competencias avanzadas para a mocidade de entre 14 e 17 anos. Enchéronse todas as prazas ofertadas e un total de 24 rapaces e rapazas están a aprender coñecementos sobre esta disciplina.
Este campamento dixital imparte formación sobre conceptos básicos de ferramentas informáticas, uso seguro e responsábel da Internet, programación, robótica educativa, impresión 3D e Realidade Virtual.
A través destas actividades “búscase favorecer a adquisición de competencias dixitais e desenvolver habilidades como a creatividade, o pensamento crítico e o traballo en equipo a través de actividades lúdicas e participativas”, explican desde o Consistorio.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, a concelleira de Mocidade, Ruth Álvarez González, e o concelleiro de Tecnoloxías, David González Misa, achegáronse este 1 de xullo ao multiusos a visitar ás persoas participantes e a coñecer de primeira man as súas impresións acerca da actividade.
Con este campamento de competencias dixitais o Concello dá a saída ao seu novo Espazo Xuvenil no Centro Multiusos Anxo Bedriñana. Trátase, explicaron, “dun espazo vivo onde terán cabida as diferentes iniciativas xuvenís que os mozos da nosa vila desexen levar a cabo, creadas e realizadas por eles mesmos, así como outras actividades organizadas desde o Concello de Baiona”.