A moeda virtual de FIFA 19 deixa de venderse en Bélxica

xoves, 31 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Os modelos de negocio que están a empregar os videoxogos ultimamente están a converterse nunha grande preocupación social, por estar a transformarse en sistemas de apostas que poderían levar á ludopatía, e precisamente por iso hai países que xa comezan a lexislar para evitar abusos, o que leva a que hoxe mesmo Electronic Arts ceda ás esixencias das autoridades belgas, de xeito que os xogos de FIFA para PC e consola deixan de ofrecer dentro de Bélxica os FIFA Points, a moeda virtual do xogo que pode empregar para mercar sobres de FIFA 19 Ultimate Team.
Temos así que a partires de hoxe os xogadores belgas non poderán mercar máis puntos para o Ultimate Team, senón que terán que gañar eses puntos xogando, sendo posible que continúen a empregar o saldo actual do que dispoñan.
Dende Electronic Arts acatan as esixencias belgas, pero non están conformes coa interpretación da lei que fan en Bélxica, e consideran que a compra dos seus sobres virtuais non debería ser prohibida, polo que explorarán novos xeitos para poder avanzar neste eido que cada vez é máis importante para que os xogos teñan ingresos económicos dun xeito sostido no tempo.

PUBLICIDADE