A mostra Exxperimenta en Feminino recala este cuadrimestre en sete centros educativos galegos

mércores, 1 de decembro do 2021 S. P.

A mostra itinerante Exxperimenta en Feminino, como cada curso académico, está a chegar este cuadrimestre a unha chea de institutos galegos. En concreto, a exposición recala cada quince días nun centro diferente, un total de sete da nosa xeografía, presentando as vidas e traxectorias de mulleres destacadas de historia da ciencia, a tecnoloxía e a enxeñaría. En total: 14 referentes femininos do ámbito STEM. É unha iniciativa de profesoras e investigadoras de varios centros do Campus de Ourense: a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do Campus de Ourense.
A exposición arrancou na segunda quincena de setembro no IES Cidade de Antioquia de Xinzo de Limia (Ourense) e está previsto que este cuadrimestre, ata o inicio de 2022, pase polos institutos de educación secundaria Aquis Querquernis de Bande (Ourense); Julio Prieto Nespereira (Ourense); Nº 1 de A Estrada (Pontevedra); O Couto (Ourense); Eduardo Pondal de Ponteceso (A Coruña), e Vilamarín (Ourense). En cada un destes centros permanece 15 días. O vindeiro ano a mostra continuará ata xuño o seu percorrido, estando previsto que, en total, durante o curso 2021/2022 chegue a 17 centros educativos galegos.
Trátase dunha iniciativa que conta co patrocino da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Ciencias, e que ten como obxectivo último “espertar en rapazas e rapaces a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos no campo STEM”.
A iniciativa arrancou hai dous cursos académicos, aínda que a pandemia impediu o seu desenvolvemento con normalidade ata o pasado ano, e desde a súa organización salientan a súa satisfacción “pola boa acollida que ten”. Tamén agradecen a implicación docente na mostra e nas actividades complementarias da mesma: concursos, xogos, programas de radio ou visitas guiadas.
A exposición está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres cun destacado papel no eido STEM. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa traxectoria, de cales foron as súas achegas e dos recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. A escolma de mulleres abrangue desde a investigación básica á aplicada, desde o ámbito galego ao internacional e desde a física á informática. Así, a través dos paneis expostos, o público pode coñecer desde a primeira muller galega (e española) en presentar unha tese no eido da astronomía ata a muller que deu o seu nome á linguaxe de programación ADA. Concretamente, a exposición ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral. Trátase, apuntan desde a organización, de “mulleres que, co seu traballo contribuíron a lograr melloras científicas ou técnicas moi relevantes para o mundo de hoxe e que foron escollidas como referentes ou modelos polas máis de 100 profesoras que participan en Exxperimenta en Feminino”.

PUBLICIDADE